publicidade hoxe

Jorge Mira entrega en Catoira os diplomas dos decálogos do bo estudante e bo deportista

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

Este venres celébrase ás 19:30 horas no Auditorio Municipal de Catoira o acto de entrega de diplomas dos programas educativos Decálogo do Bo Estudante e Decálogo do Bo Deportista desenvolvidos no CPI Progreso durante este curso que remata. O catedrático de Física Jorge Mira é o padriño desta nova promoción.

O Concello de Catoira, coa colaboración do profesorado do CPI, implantou hai tres anos no centro educativo este innovador programa orientado a inculcar valores e pautas de comportamento que melloren os hábitos de estudo e deportivos, tales como a importancia do traballo en equipo, da organización persoal e do grupo, da solidariedade, da honestidade, da importancia do benestar persoal, etc.

Baseándose nas dez máximas que recolle cada documento, os propios compañeiros elixen ó final do curso o “bo deportista” e “bo estudante” dentro da súa aula. Este venres celébrase no Auditorio Municipal un acto no que os alumnos/as elixidos recibirán un título honorífico e un lote de material deportivo e escolar, respectivamente. Ademais, os premiados están convidados a visitar o martes 30 a Casa das Ciencias e Domus na Coruña, agás os de 4º de ESO que recibirán unha invitación para acudir con dous acompañantes a un concerto da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia durante a temporada de abono 2015/2016.

Jorge Mira é catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, recibiu numerosos recoñecementos póla súa actividade investigadora e divulgativa. Por outra banda, presenta diversos estudos de dinámica de competición de linguas e escribe artigos en publicacións científicas como Physics Today, Time ou New Yorker. Deixando a un lado tódolos premios e recoñecementos no eido da divulgación científica e actividade investigadora, o que fora responsable das correccións e suxestións matemáticas no programa Cifras e Letras, tamén cultiva outras moitas facetas da vida coma o deporte. Membro da asociación Mensa, comezou por practicar taekwondo e continuou engadindo a natación, o baile de salón, o xadrez, a esgrima ou o atletismo.

Estes programas contan coa colaboración e patrocinio de Edicións Santillana, Vicens Vives, Xerais, Consorcio Editorial Galego, Fundación María José Jove, Auditorio de Galicia e dos Museos Científicos Coruñeses.

18 de xuño de 2015 | 13:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.