publicidade hoxe

Izado provisional da bandeira azul na praia fluvial da Calzada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Izado da bandeira

Izado da bandeira

O alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, realizou o izado provisional e simbólico da Bandeira Azul outorgada por ADEAC á primeira praia fluvial de España en conseguir este distintivo ambiental europeo, en presenza do Comité de Xestión encargado de velar polo perfecto cumprimento das normas de servizo e seguridade establecidas nas bases que rexen esta rigorosa concesión.

Perfecto Rodríguez e os membros do Comité de Xestión, formado ademais de polo alcalde, o coordinador sociocultural do Concello, o concelleiro de obras e servizos, a axente de desenvolvemento local, un representante de Urbaser, o presidente da Sociedade de Caza e Pesca Verdeseixo, representante de COEMPO e Policía Local,  supervisaron a marcha dos traballos para adecuar todo a área recreativa e a zona de baño da Calzada á normativa da Bandeira Azul e puideron comprobar xa como se atopa instalado o aparcabicis, unha illa de recollida selectiva de residuos cun iglú de vidro rotulado cunha fotografía paisaxística da praia fluvial, a caseta de socorrista, en madeira, con padiola e todos os elementos fundamentais para realizar labores de primeiros auxilios e reanimación, aseos adaptados para minusválidos e persoas de reducida mobilidade, o balizamento da zona de baño con aboias visualizadoras para determinar a área sobre a que actuarán os 3 socorristas (2 simultaneamente sempre en activo) cos que contará a praia fluvial.

En canto aos 3 socorristas que prestarán os seus servizos, tal e como determina a concesión da Bandeira Azul, entre o 1 de xullo e o 31 de agosto, sinalar que se atopan en período de selección, a través da colaboración económica da Xunta, e cuxos candidatos son enviados pola Oficina de Emprego correspondente para participar nun proceso de selección regulado con todas as garantías.

Cabe lembrar que a praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, logrou a primeira Bandeira Azul dunha zona de baño destas características en España, segundo o fallo feito público o 14 de maio de 2015 polo xurado internacional que outorga estes galardóns para a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Esta decisión vén avalada por toda unha traxectoria marcada polos excelentes resultados das análises que periodicamente se establecen nas súas augas e polos servizos e infraestruturas de que dispón a área recreativa da Calzada.

A praia da Calzada é a primeira praia fluvial de España en dispor deste distintivo e co que vén a corroborar que Ponte Caldelas goza dunha calidade excelente desde o punto de vista ambiental, sanitario, turístico e recreativo.

O Concello iniciou o pasado verán os trámites para conseguir o distintivo de Bandeira Azul. Así tras a solicitude formal do Concello o pasado mes de agosto un inspector da propia ADEAC xa visitou a praia fluvial, quedando gratamente sorprendido da beleza da contorna.

Perfecto Rodríguez considera que este galardón pon de manifesto a aposta que o Concello de Ponte Caldelas fixo sempre polo goce turístico armónico dos seus recursos naturais e destacou a importancia do punto de vista da promoción exterior do municipio e sobre a economía local vai ter esta distinción.

A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, dispón de maneira ininterrompida e desde o 2001 o cualificativo de “excelente”, segundo o resultado da analítica practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza en Galicia a Consellería de Sanidade nas áreas habilitadas para o goce das zonas de baño. Este é outro requisito ineludible para ter a distinción.

As augas da praia fluvial da Calzada sométense a un rigoroso control e analítica, con periodicidade quincenal, para determinar a pureza e idoneidade das mesmas para o baño. Os resultados da analítica son expostos no taboleiro de anuncios situado na propia praia fluvial da Calzada, co fin de que os usuarios poidan consultalos en todo momento e comprobar o seu estado para a práctica do baño. Tamén poden ser consultados a través de internet na web da Consellería de Sanidade.

A actuación realizada nos últimos anos polo Concello de Ponte Caldelas na área recreativa da Calzada converteuna nun lugar de referencia para o baño fluvial en toda España. Operarios municipais coidan habitualmente a zona para que cando chegue a tempada estival estea en perfectas condicións de uso. Periodicamente realizan labores de limpeza e mantemento non só na contorna senón tamén na conservación do mobiliario urbano existente nos arredores.

A praia atópase situada ao final do paseo fluvial da Calzada e conta con aparcadoiro e lugares para o goce da natureza. É tamén zona habitual de pesca deportiva e nela opera durante o período estival un bar-chiringuito  con aseos que atende as demandas do público que utiliza nos días de bo tempo este enclave turístico e de descanso de primeira orde.

Nos días de bo tempo, a praia da Calzada —que dispón de superficie con arboredo e herba, para favorecer o descanso do visitante, e de zona asollada, para os amantes do bronceado—, ofrece todo tipo de posibilidades para practicar o turismo familiar e o goce armónico da natureza.

A praia dispón de cancha de voley-praia, tenis de mesa, así como unha ampla variedade de aparellos no parque biosaludable para realizar exercicio rehabilitador, musculación, ximnasia de mantemento, etc.

Ademais dos enclaves paisaxísticos que ofrece o propio río Verdugo, Ponte Caldelas completa a súa oferta cunha infraestrutura e calidade de servizos que cumpre sobradamente a estrita normativa europea para a concesión da bandeira azul que agora se lle outorgou e a cuxo izado simbólico se procedeu pola comisión de seguimento.

11 de xuño de 2015 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.