publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Guadi Galego e Odaiko protagonizan a programación musical da feira Corazón da Artesanía en Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaAxenda e Cultura
A-
A+

Os visitantes que se acheguen do 3 ao 5 de xullo ata o Corazón da Artesanía. IV Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, en Agolada (Pontevedra), poderán disfrutar dunha ampla programación musical pensada para todos os gustos que terán lugar na Praza do Concello. Os concertos principais de Guadi Galego o venres e do grupo de percusión Odaiko o sábado, que se celebrarán ao remate da feira, complementaranse con outras actividades musicais que se suman á grande variedade de eventos pensados para os visitantes.

A cuarta edición do Corazón da Artesanía, impulsada pola Consellería de Economía e Industria, que se celebra no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada, é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. No amplo programa de actividades inclúense, ademais das actuacións musicais, exposición e venda de produtos artesanais e alimentarios de calidade, formación especializada para artesáns, actividades para nenos e outras actividades nas que poderá participar o público asistente como showcookings, coloquios con artesáns expertos ou obradoiros de artesanía abertos ao público.

O novo traballo de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto, abrirá as actuacións musicais do IV Corazón da Artesanía, o venres ás 22:00 horas, na Praza do Concello. A cantante e compositora presenta o seu segundo disco en solitario, un conxunto de cancións nas que as emocións e os sentimentos son os protagonistas. Guadi Galego conta cunha intensa traxectoria musical que inclúe a súa participación en proxectos como Berrogüeto, Nordestinas, Espido ou aCadaCanto, e dous discos en solitario: Benzón (2009) e este Lúas de outubro e agosto, de finais de 2014.

O sábado as 13:00 será a quenda da Banda Municipal de Agolada e a partir das 21:00 comezarán as actuacións do grupo de percusión Odaiko e da Magnifique bande dos homes sen medo. A proposta artística de Odaiko céntrase na exploración da música tradicional multiétnica, na variante da percusión, unha faceta pouco habitual pola complexidade técnico-musical. Nos seus espectáculos pódense atopar instrumentos de orixe oriental, africana, latinoamericana, galega e instrumentos de creación posterior.

Pola súa parte, A magnifique bande dos homes sen medo, está composta por dez músicos cuxos instrumentos son a tuba, o fagot, o bombo, a caixa, o órgano, a guitarra eléctrica, a trompeta, o trombón, o saxo alto e o saxo tenor. Esta banda resultou gañadora dos I Premios Galegos da Música 2013, na categoría de grupos e orquestras de verbena.

O domingo a partir das 13:00 horas terá lugar a Sesión Vermut Lodeiros a cargo da empresa compostelá Bodegas Lodeiros, e durante a que ofrecerá o seu concerto Os lobos do espacio, unha banda que reproduce o estilo das murgas e das charangas populares en Galicia dende o século XIX pero cunha estética musical totalmente vangardista e totalmente permeable ás correntes culturais do século XXI.

O encargado de pechar as actuacións musicais do Corazón da Artesanía será o grupo de baile e música tradicionais Brincadeira, de Santiago de Compostela, co espectáculo Brincadeira de rúa. Nesta actuación, o grupo recrea unha pequena romaría popular na que se combina a actuación musical dos gaiteiros e das pandeireteiras con algunhas pequenas mostras de baile e, sobre todo, diversas actividades de animación para promover a participación activa do público, entre as que se incluirán bailes agarrados, xogos infantís, obradoiros de muiñeira e aturuxo ou cancións participativas.

A organización destas actividades de divulgación da artesanía e da súa colaboración con outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

15 de xuño de 2015 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.