publicidade hoxe

Finalizan as obras de saneamento do núcleo da Reigosa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
O alcalde de Ponte Caldelas na visita á EDAR

O alcalde de Ponte Caldelas na visita á EDAR

O alcalde en funcións de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez,  asistiu hoxe ao acto de recepción das obras do saneamento do núcleo da Reigosa na que a Xunta investiu máis de 750.000 euros na construción dunha EDAR e unha rede de saneamento con 5.800 metros de tubaxe e 171 pozos de rexistro.

Representantes de Augas de Galicia recibiron hoxe as obras e fixeron entrega ao Concello destas instalacións. Agora corresponderá xa ao novo goberno local que xurda tras o pleno de investidura o próximo 13 de xuño, a posta en marcha do servizo de saneamento na Reigosa.

A obra incluíu a instalación da rede de colectores nos diferentes barrios do lugar: O Campo, A Carrasqueira, a zona do Colexio da Reigosa e a súa contorna etc. Ademais construíuse unha EDAR.

A EDAR BASÉASE NUN FILTRO BIOLÓXICO CON HUMIDAIS

A depuradora está dimensionada para unha poboación de 314 habitantes, e dispón de equipamentos prefabricados tales como arqueta de chegada de auga con reixa de desbaste, decantador, dixestor primario, pozo de bombeo, leito bacteriano, humidais en paralelo e arqueta de inspección.

Esta depuradora reduce ao máximo o seu posible impacto ambiental xa que basea o seu proceso de depuración nun filtro biolóxico coa tecnoloxía de humidal. A pesar de que esixe máis superficie de terreo que un tratamento convencional, permitirá un elevado rendemento de depuración combinado cun moi baixo consumo enerxético, o que aforrará custos ao Concello como futuro explotador da infraestrutura.

Segundo Augas de Galicia, con esta tipoloxía de depuración permite que sexa unha aposta para a sustentabilidade ambiental e económica do rural galego. En concreto, a potencia necesaria para o funcionamento da EDAR da Reigosa será de 1 Quilowatt, menor que unha vivenda.

“É O MAIOR INVESTIMENTO NO MUNICIPIO EN MATERIA DE SANEAMENTO NO RURAL”

Perfecto Rodríguez lembrou a importancia orzamentaria deste investimento en infraestruturas para o municipio, en época de especial recorte e austeridade orzamentaria. “É o investimento máis importante no municipio no que respecta ao saneamento no rural e grazas á colaboración da Xunta de Galicia puido levar a cabo nunha soa fase”.

Perfecto Rodríguez destacou o enorme esforzo investidor que nos 12 anos que leva de alcalde realizou en materia de saneamento no rural. Así durante estes anos levouse a cabo o saneamento nos núcleos de: Caldelas, Pazos, Cuñas, Tourón, Vilarchán, Silvoso, Gradín, Paradela, Taboadelo, Buchabad, A Reigosa e parte de Baltar. Un investimento de máis de 3,5 millóns de euros nestes 12 anos.

10 de xuño de 2015 | 18:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.