publicidade hoxe

Fene felicita no seu 105 cumpreanos á veciña Ángela Vilar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+
Celebración do 105 aniversario

Celebración do 105 aniversario

A súa debilidade son os seus sete netos e nove bisnetos e non hai nada no mundo que a faga máis feliz que recibir a súa visita. Durante toda a súa vida, ata ben cumpridos os 80, traballou na terra e sacou adiante cinco fillos practicamente soa. Ten tema de conversación para aburrir porque fala de todo, ata de política, como apunta unha das súas netas. Está ben de saúde e o seu único problema é a audición, xa que non escoita moi ben. Anda axudada dun bastón, pero iso non lle impide recoller a roupa do tendal e incluso fregar os pratos. Chámase Ángela Vilar Martínez e hoxe cumpriu 105 anos. O alcalde en funcións, Gumersindo Galego, trasladouse esta tarde á súa residencia, na parroquia de Perlío, para felicitala no nome do Concello de Fene, o Concello que a viu nacer en 1910, na parroquia de Sillobre. Rodeada dos seus, recibiu con agarimo e orgullo a visita e o ramo de flores que lle entregaba Galego.

Os que a coñecen ben destacan a súa xenerosidade e din dela que vive preocupada polos seus, aínda tendo unha idade no que as preocupacións deberían estar fóra do seu vocabulario. Aseguran que non sabe que ofrecer ás visitas para que se sintan cómodas na súa casa e que se as condicións físicas llo permitisen estaría de arriba abaixo seguido, traballando. Porque é unha muller, aos seus 105 anos, de carácter activo. 105 anos que non se cumpren todos os días e que a familia celebrará reunida xunto a Ángela na súa casa, o momento que máis feliz lle pode facer.

10 de xuño de 2015 | 19:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.