publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Feijóo destaca a implicación de docentes, alumnos e empresas tecnolóxicas por modernizar a educación pública

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondoLocal Portada
A-
A+
Feijóo na visita ao Ceip Plurilingüe San Marcos de Abegondo. Foto: A. Varela

Feijóo na visita ao Ceip Plurilingüe San Marcos de Abegondo. Foto: A. Varela

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a implicación e o esforzo dos docentes, dos alumnos e das empresas tecnolóxicas por “modernizar a educación pública galega” colaborando co proxecto Abalar. “Grazas ao esforzo de todos vós, hoxe Galicia ten unha Educación pública moito máis moderna”, aseverou.

Durante unha visita ao CEIP Plurilingüe San Marcos de Abegondo, Feijóo referiuse tamén ao compromiso do Goberno autonómico para que a educación e as novas tecnoloxías confluísen nunha iniciativa común: “E así naceu no curso 2010/11 o proxecto Abalar, unha iniciativa única e común para todo o ensino galego, en constante evolución para transformar a aula tradicional en dixital, coa colaboración de toda a comunidade educativa”, incidiu, ao que engadiu que cinco anos despois, o alcance de Abalar esténdese xa a 2.300 aulas de máis de 500 centros educativos. “Hoxe 52.000 alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO están a formarse nunha contorna dixital”, afirmou.

Máis polo miúdo, precisou que esta iniciativa beneficiou tanto os alumnos como os docentes, as familias e os centros educativos: “Beneficiou os alumnos, que na rede poden atopar 2.500 recursos educativos en sete idiomas e, nos dous vindeiros anos, o libro dixital chegará a 27.000 alumnos. Beneficiou os docentes, pois máis de 23.000 recibiron formación en novas tecnoloxías. E beneficiou as familias, xa que mediante a aplicación abalarMóbil poden seguir a actividade dos seus fillos”.

Así mesmo, resaltou que grazas a este proxecto os centros educativos dispoñen dunha conexión a Internet cada vez de maior calidade. Non en van, de media, os centros galegos multiplicaron por catro a velocidade do seu acceso a internet; preto de 250 centros dispoñen xa de conexión de ata 100 megas, “e estamos comprometidos a que outros 140 centros dispoñan de velocidades de ata 200 megas”.

Ante estas cifras, Feijóo afirmou que Abalar seguirá avanzando, ampliando nos vindeiros cursos a plataforma eDixital; unha plataforma de contidos educativos dixitais gratuítos e accesibles sen conexións. “E, en catro centros de Galicia, os profesores comezarán a xerar contidos adaptados aos intereses de cada grupo e, a partir de aí se estenderá ao resto dos colexios da Comunidade”, avanzou.

Nesta liña, o responsable autonómico subliñou que co obxectivo de que o 100% das aulas públicas sexan dixitais, este ano a Xunta investirá 11 millóns de euros para dixitalizar todas as aulas do terceiro ciclo de Primaria e de Educación Secundaria.

Seguir impulsando unha Educación plurilingüe

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu tamén no compromiso de seguir impulsando unha Educación plurilingüe, adaptada aos contidos que a sociedade demanda hoxe e que utiliza a tecnoloxía como ferramenta básica.

Sobre este punto, salientou que a posta en marcha do Plan de potenciación das linguas estranxeiras axudou a máis de 85.000 estudantes galegos, que teñen hoxe máis contidos en linguas estranxeiras no seu ensino público. “E, neste curso que agora acaba hai na Comunidade 220 centros plurilingües e máis de 3.200 seccións bilingües; e, a partir do curso próximo, o ensino plurilingüe se estenderá tamén ao bacharelato”, engadiu.

Feijóo, concluíu facendo fincapé na aposta por unha Educación con contidos adaptados á demanda da sociedade; “e, por iso, incrementamos as prazas en FP e fomentamos opcións como a FP Dual”, precisou.

17 de xuño de 2015 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.