publicidade hoxe

Falaredes estrea o verán co espectáculo de música ‘Estamos no verán!!!’ nos concellos de Ordes e Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxíaOrdes
A-
A+

Os concellos de Ordes e Muxía celebrarán este domingo coa xente miúda o arranque das vacacións de verán cunha proposta de lecer en galego que festexa os días de estío e que chega da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “Estamos no verán!!!” é a segunda actividade do programa FalaRedes que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia, un espectáculo de música para nenas e nenos de 7 a 12 anos que busca promover a valoración positiva do noso idioma.

Xoán Curiel e a súa banda

Vacacións, bo tempo, novas amizades e unha manchea de aventuras por vivir a ritmo de rock, funk, blues, pop, reggae, bossa nova… Ata finais de xullo Xoán Curiel viaxará acompañado pola banda Son+d2 e pola bailarina Marta Alonso, cun feixe de historias para cantar, brincar e gozar en galego, convertendo a nosa lingua en protagonista do tempo de ocio.

Logo das primeira funcións en Santa Comba, Cariño e O Rosal, “Estamos no verán!!! “estará en Ordes e Muxía este domingo 21. Ás 12:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Ordes, e ás 20:30 horas, na Praza Cabo da Vila de Muxía. A entrada será libre e de balde ata completar a capacidade das salas.

O espectáculo despedirá o mes de xuño no concello coruñés de Miño. Xa no mes de xullo Estamos no verán!!! visitará as localidades de Ames, Xove, Ortigueira, Fisterra, Baiona, Malpica de Bergantiños, Nogueira de Ramuín, Vilamarín, Barreiros, Ribadumia, Bueu e O Grove; en total, 18 concellos da RDL. O calendario completo da actividade estará dispoñible en www.lingua.gal.

Case 600 actos en 4 anos

O programa de dinamización lingüística celebra á súa cuarta edición, logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os seus tres primeiros anos de desenvolvemento. As propostas que se integran nel ano a ano buscan cumprir os obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na infancia, na mocidade e na familia, enchendo o seu tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.

Ata final de ano chegará aos concellos da RDL, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir nunha promoción do uso do idioma desde as administracións local e autonómica dunha maneira coordinada e planificada. A Rede conta na actualidade con preto de 170 entidades adscritas.

19 de xuño de 2015 | 13:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.