publicidade hoxe

Excepcional dia de navegación na segunda manga da XV Regata Elidente con triunfo de Corsario VI e Oral Group

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesRianxo
A-
A+
Regata Trofeo Elidente

Regata Trofeo Elidente

Organizada polo Club Náutico de Rianxo, disputouse o sábado 13 de xuño, a segunda proba das dúas de que constaba este trofeo. Embarcacións do Club Náutico de Portosín,  Villagarcía, Caramiñal, Riveira, Barraña, E.V. Mar de Arousa, Beluso e Rianxo gozaron dun día chuvioso, pero cun vento do suroeste de entre 10 e 15 nós moi apropiados para a navegación.

Ás 15:30 h, con puntualidade saxona, o comité de regata deu a saída da segunda manga da XV Edición da Regata Concello de Rianxo-Trofeo Elidente, organizada polo Club Náutico Rianxo. Unha variante para as categorías regata e cruceiro-regata precedía a un percorrido común para as tres categorías incluídas na proba.

A categoría cruceiro sairía das inmediacións do porto de Rianxo con dirección á baliza do Seixo, mentres as categorías regata e cruceiro-regata terían que virar unha baliza de desmarque ao vento a unha milla da saída, regresar á baliza de saída e desde aí, do mesmo xeito que a categoría cruceiro, virar Seixo, Moscardiño, Ter, Seixo e chegada en Rianxo para completar un percorrido de 13 e 14,6 millas respectivamente.

Saída moi axustada co Corsario virando a baliza de desmarque en primeira posición, seguido polas unidades da clase regata, Siradella, Oral Group e Ziralla.

Unha vez completado o percorrido adicional das categorías regata e cruceiro-regata, todas as unidades dirixíronse ao Seixo cun vento do suroeste que nalgunhas fases foi escaso.

Gran regata do Corsario, Oral Gropup e Ziralla que obtiveron as primeiras posicións desta categoría regata seguidos de Meigas Fora e Siradella. Ao final da proba, tan só cinco segundos, separaron ao vencedor Corsario VI de Javier Durán do Club de Mar de Vilagarcía do segundo clasificado Oral Group de Pedro Pazos do Real Club Náutico de Portosín, para desta forma desfacer a igualdade na primeira posición da primeira proba. Finalmente o Ziralla desprazou da terceira posición ao Meigas Fora.

Na categoría Cruceiro-Regata deuse unha loita pechada entre as primeiras unidades da flota, o Sara de Rafael Blanco do CN. Portosin, o Arroás de Manuel Pombar do E.V. Mar de Arousa, e os Ráfagas II de José Carreira do C.N. de Rianxo defendían as tres primeiras posicións. O Sara empolicouse á primeira posición da súa categoría desde os primeiros instantes, pero o Arroás, intratable nesta ocasión, non cedeu nas súas intencións de alzarse coa primeira posiciónde a proba, obxectivo que logrou tras varias alternancias na primeira posición, pero a popa do Seixo a Rianxo no tramo final da proba foi definitiva para alzarse co triunfo. O Ráfagas finalmente repetiu terceiro posto, seguido polo Sampaio,  Chispe e Raiola.

Na clase Cruceiro triunfo do Santiago Roma Rías Baixas de Esteban Carbajo do C.N. de Beluso, que realizou unha excelente proba desde o seu inicio para arrebatarlle a primeira posición ao  Argos de Santiago Vecino do C.N. de Rianxo, que a pesar de navegar con gran destreza e realizar bordos de gran dificultade con spi en rumbos pechados non foi suficiente para compensar o tempo. A terceira posición tamén nesta manga, foi para o Sarandrea de Manuel Andrés Vázquez Barbazán do C.N. de Rianxo, que a pesar de contar cunha curta tripulación, foi capaz de manter a súa terceira praza nesta categoría. Titán, VentoMareiro, Estela e Catavento completaron a proba a pesar da choiva reinante en toda a xornada.

Ao finalizar a regata, como é habitual nas instalacións do club Rianxeiro ofreceuse un ágape a todos os participantes por cortesía de Elidente, cun ambiente magnífico entre os participantes 

15 de xuño de 2015 | 14:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.