publicidade hoxe

Ethel Vázquez apela á colaboración entre administracións para que a praia das Catedrais continúe como referente ambiental e turístico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+
Ethel Vázquez na praia das Catedrais

Ethel Vázquez na praia das Catedrais

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas apelou hoxe á imprescindible colaboración entre as distintas administracións para que a Praia das Catedrais siga a ser un referente polos seus valores ambientais e pola súas posibilidades turísticas. “Continuaremos traballando con todas as administracións e axentes implicados para conseguir que este magnífico espazo vexa garantida a súa preservación no longo prazo, ao tempo que continúe xerando emprego e riqueza na zona”, explicou a conselleira.

Ethel Vázquez presentou hoxe en Ribadeo o Plan de Conservación da Praia das Catedrais, xunto coa directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, ademais dos alcaldes de Ribadeo e de Barreiros.

A conselleira destacou que o Goberno galego traballou durante un ano na elaboración dun Plan destinado a “poñer en valor a Praia das Catedrais, a protexela, e a que a xente poida gozar da súa visita”, e que, deste xeito, o Monumento Natural siga contribuíndo a crear emprego na Mariña luguesa.

Explicou que o Plan foi redactado por especialistas e tendo en conta o criterio de técnicos e científicos. Así mesmo, a conselleira subliñou que o documento é froito do diálogo e da participación, xa que foi sometido a dous procesos de participación pública e incorporou case un 90% das alegacións recibidas.

Regulación de acceso por un turismo sustentable e ordenado

Segundo dixo, o obxectivo úlitmo é facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co desfrute público do lugar.

Así, afirmou que o Plan nace da preocupación polo perigo de degradación que a concentración excesiva de visitantes supón para este espazo protexido, unha preocupación que foi trasladada á Xunta de Galicia tanto polo Concello de Ribadeo como pola Deputación de Lugo.

Ethel Vázquez destacou que o proceso de elaboración do Plan confirmou que o fluxo excesivo de visitantes resultaba unha ameaza para o lugar e determinou en 4.812 persoas e día o límite recomendable para evitar danos. Así, na procura dun turismo sustentable ordenado, esa será a cifra máxima de visitantes prevista polo sistema de regulación de acceso posto en marcha xa neste verán e que estará en vigor nos meses de xullo, agosto e setembro, ademais de na Semana Santa.

Plataforma web

Na súa intervención, Vázquez Mourelle detallou que a partir de mañá, martes, estará operativa xa a plataforma web habilitada pola Xunta de Galicia (a través don enderezo http://ascatedrais.xunta.es) para acadar a autorización necesaria para acceder ao Monumento Natural da Praia das Catedrais.

Esa autorización será necesaria desde o vindeiro 1 de xullo e poderá reservarse desde 15 días antes nesa plataforma web, que proporcionará, ademais, información sobre as horas máis propicias para a visita, sobre as mareas, e sobre a cantidade de persoas que xa reservou autorización para acudir ao lugar na mesma data.

Hai que destacar, tamén, que a Consellería de Medio Ambiente reservará unha porcentaxe de autorizacións diarias para que sexa xestionadas polos empresarios locais, os concellos da zona e o Clúster de Turismo de Galicia.

Ademais, a partir do 1 de xullo tres guías estarán na zona para axudar a todos os visitantes a aproveitar mellor esta experiencia ao tempo que se lles axudará a coñecer outros lugares de interese.

A Xunta de Galicia desenvolverá unha campaña informativa sobre a regulación de accesos á praia das Catedrais, dirixida tanto aos colectivos e asociacións profesionais como á sociedade en xeral.

1,5 millóns de euros de investimento e ampliación do acceso

O Plan de conservación do Monumento Natural da praia das Catedrais prevé un investimento de máis de 1,5 millóns de euros para poñer en valor o lugar, protexer e restaurar os seus recursos naturais.

Ethel Vázquez indicou que a posta en marcha deste Plan “non constitúe o punto e final da implicación do Goberno galego na praia das Catedrais”, posto que queda moito traballo por facer tanto na adecuación do contorno como na mellora da información e concienciación da persoas.

Así, puxo en valor tamén as obras de ampliación da escaleira que o Ministerio de Medio Ambiente vai comezar e que permitirá un acceso máis cómodo e seguro ao areal ao tempo que se mellorará a integración paisaxística das infraestruturas no relevo (caseta de turismo, aseos…)

Segundo remarcou, esa ampliación do acceso contribuirá a desconxestionar e ordenar o acceso dos visitantes, estando previsto o desdobramento da escaleira para separar a entrada de persoas da saída do areal.

Cinco obxectivos, 12 liñas de acción

O Plan establece cinco obxectivos estratéxicos que, a través de medidas concretas, levarán aparellado un investimento de máis 1,5 millóns de euros. Eses obxectivos son os seguintes:

1. Avanzar no coñecemento do espazo protexido, así como dos riscos e das ameazas que encara. Prevese neste punto o inventario de hábitats naturais e de especies de flora e fauna silvestre.

2. Evitar a perda da biodiversidade e a conservación de hábitats, mediante o seguimento e control das especies exóticas invasoras e mellorando o estado de conservación da matogueira costeira.

3. Acadar un uso ordenado e compatible coa conservación dos valores naturais do espazo. Ademais de regular o acceso nos períodos de maior confluencia de visitantes para reducir a presión do uso público no lugar, apóstase por favorecer a desestacionalización da demanda e a promoción doutros puntos de interese turístico na comarca da Mariña.

4. A mellora paisaxística do patrimonio natural. Para acadar este fin, recóllense a ordenación e homoxeneización dos paneis informativos; a eliminación de noiros artificiais e a recuperación da topografía orixinal do terreo; iniciativas para mitigar ou reducir o impacto visual dos equipamentos e infraestruturas existentes ou previstos; actuacións para ordenar os accesos e áreas de aparcadoiro e a venda ambulante, así como para a promoción de medios de transporte alternativos ao vehículo particular; ou a ordenación dos sendeiros no Monumento Natural.

5. Favorecer o compromiso social, fomentando o coñecemento e a implicación na conservación do Monumento atural, mediante a promoción de campañas e da coordinación con outras administracións, a comunidade científica e a poboación local.

Medidas en marcha

Cómpre sinalar que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, xa tomou distintas medidas encamiñadas á protección do espazo natural das praia das Catedrais, tal e como se recolle no Plan de conservación. Co fin de preservar os valores desta zona protexida, a Xunta contratou guías durante o verano do 2014 e o período da Semana Santa 2015.

Con isto, tratarase de facilitar un desfrute axeitado aos visitantes, reforzando a información a través dos guías especializados no propio enclave e nas alternativas turísticas da contorna, e incrementarase tamén a vixilancia para evitar actuacións que degraden o medio.

Desde mediados de 2014 as diferentes accións para mellorar o uso público, mellora da información aos visitantes e o reforzo da sinalización levan suposto un investimento de preto de 200.000 euros.

15 de xuño de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.