publicidade hoxe

‘Enredando, artesanía na escola’ finaliza o curso escolar na Mariña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozRibadeo
A-
A+

O proxecto Enredando, artesanía na escola, impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, pecha o curso escolar 2014/2015 en dous centros de ensino da Mariña de Lugo, en Ribadeo e Foz, co obxectivo de achegar aos máis novos os oficios artesanais, contribuíndo así á promoción e posta en valor do sector artesán galego.

Esta iniciativa, posta en marcha hai cinco anos e na que xa participaron máis de 15.000 alumnos de toda Galicia, céntrase nesta fase final do proxecto O Gremio da seda, na extracción da seda resultante dos vermes criados polos propios rapaces e rapazas que participaron na primeira fase da unidade didáctica.

A actividade, na que os alumnos xa traballaron o pasado curso, remata esta semana coas visitas aos centros educativos CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, realizada onte luns, e CEIP nº 1 de Foz, esta mesma mañá. Con estes centros súmanse un total de 14 colexios de infantil e primaria de toda Galicia que participaron durante este curso no proxecto Enredando, Artesanía na escola.

Os principais obxectivos deste proxecto, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, son concienciar a sociedade do valor do produto feito á man así como presentarlle aos rapaces e rapazas que a artesanía pode ser tamén unha boa alternativa para o seu futuro laboral; impulsar o relevo xeracional nos oficios máis tradicionais promovendo o desenvolvemento da artesanía galega a través da formación de futuros artesáns creadores; e amosar á sociedade o valor engadido da artesanía en canto á súa creatividade, patrimonio cultural e tradición.

Contribúese así á posta en valor do sector artesán, unha das liñas de acción do Plan de Artesanía de Galicia, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento galego.

16 de xuño de 2015 | 12:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.