publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cultura e Educación financia con 30.000 euros os traballos arqueolóxicos no xacemento paleolítico de Cova Eirós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaTriacastela
A-
A+
Sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

Sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade de Santiago de Compostela colaborarán nas actuacións arqueolóxicas de Cova Eirós (no concello lugués de Triacastela), un xacemento único e excepcional en Galicia que pode aportar información valiosa sobre a transición entre os derradeiros neardentais e os primeiros humanos modernos.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e o reitor compostelán, Juan Viaño, asinaron hoxe un convenio segundo o cal o Goberno galego financia con 30.000 euros a continuación dos traballos de escavación, investigación e documentación deste conxunto arqueolóxico que alberga os primeiros restos de arte parietal paleolítico en Galicia. Pola súa banda, a Universidade de Santiago será a promotora desta actuación que se levará a cabo este verán e que contribuirá ao enriquecemento do patrimonio cultural galego.

As actuacións levadas a cabo ata o de agora en Cova Eirós por parte dos investigadores do Grupos de Estudos para a Prehistoria do Noroeste da USC en colaboración cun equipo do Institut Catalá de Paleocología Humana i Evolució Social de Tarragona (IPHES) permitiron obter as primeiras conclusións sobre a importancia deste enclave, sobre todo no que atinxe as pinturas e gravados atopados nas paredes da Gran Sala do interior da cavidade. Estes elementos servirán para coñecer e afondar nos modos de vida do paleolítico, as estratexias de caza e a subsistencia destas dúas especies de homínidos.

Proxectos de investigación

Esta actuación enmárcanse nos proxectos de investigación “Ocupacións humanas durante o Pleistoceno na cunca media do Miño” e “Poboamento durante o Pleistoceno medio/Holoceno nas comarcas orientais de Galicia” postos en marcha pola Universidade de Santiago e a Universitat Rovira i Virgili (Tarragona), que desde o ano 2006 veñen desenvolvendo diversos proxectos de investigación arqueolóxica. No caso concreto de Cova Eirós os traballos arrancaron en 2008 con labores de sondaxe e continuaron ata o ano pasado con escavacións arqueolóxicas e traballos de documentación das manifestacións de arte rupestre nesta cavidade.

A maiores do acordo establecido hoxe, a Consellería de Cultura e Educación –a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural- tamén colaborou nos traballos da Cova de Valdavara (no concello de Becerreá), con escavacións, documentación, estudo de materiais e traballos de conservación dos restos óseos deste xacemento paleolítico; que supuxeron un investimento de máis de 35.000 euros por parte deste departamento do Goberno galego.

15 de xuño de 2015 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.