publicidade hoxe

Chega a edición máis ambiciosa do Resurrection Fest

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioViveiro
A-
A+
Europa Press
Presentación da Resurrection Fest. Foto: C. Paz

Presentación da Resurrection Fest. Foto: C. Paz

Os afeccionados ao hardcore, ao rock e ao metal gozarán este ano en Viveiro (Lugo) da edición “máis ambiciosa” e profesional do Resurrection Fest, un dos festivais máis importantes de Europa no xénero que no seu décimo aniversario traerá a 80 bandas distribuídas por tres escenarios e encabezadas polos Mötorhead, Korn e Refused.

Un evento que trae cada ano á localidade lucense a máis de 50.000 afeccionados a esta música e que supón un elemento dinamizador do comercio e a hostalaría local durante a época estival, deixando un impacto de 4,5 millóns de euros.

Así o destacaron en rolda de prensa os irmáns Iván e David Méndez, director e subdirector do festival respectivamente, e os que destacaron a “consagración” da cita, “a máis importante de toda a Península Ibérica” no xénero e unha das grandes de Europa.

Iván Méndez sinalou que o obxectivo é conseguir a edición “máis ambiciosa” e “de maior formato” ata agora, algo que “están a conseguir” a base de traballo e dedicación. Tamén se trata da “máis internacional”, con asistentes procedentes de decenas de países como Francia, Israel, Italia ou Exipto.

Todos eles poderán gozar das decenas de bandas que actuarán entre 15 e o 18 de xullo e algunhas que elas co festival como data única en todo o país, como o caso dos suecos Refused, unha das bandas de hardcore melódico máis importantes da historia.

Entre as principais novidades do evento, engadiu Méndez, destaca a súa ampliación a catro días cunha xornada de portas abertas de entrada libre, e que contará ademais coas actuacións dos galegos Mutant Squad, Killus, Bastards on Parade, The Decline, Pro Pain e Biohazard.

Tamén regresará o ‘Resukids’, unha iniciativa que busca “achegar os pequenos á música” con diversas actividades, ademais da posibilidade de visitar o recinto do festival dende dentro e ver actuacións dende o propio escenario.

A organización conta, ademais, cunha nova área destinada a exhibicións de skate e unha zona de motos, con exhibicións de trial, entre outras.

UN EXEMPLO DE SOSTENIBILIDADE

Tamén presente na presentación oficial do evento, Santiago Miguélez, brand manager de Estrela Galicia, situou ao Resurrection Fest como “un exemplo de festival sostible” que comezou como unha idea duns “rapaces de Viveiro”, que xa non son tan novos, e que “xa é un referente” a nivel de Europa”.

Miguélez sinalou o apoio de Estrela Galicia na iniciativa do Band contest, unha oportunidade para bandas locais e fóra dos circuítos comerciais para participar no festival e que este ano contou con máis de 200 aspirantes.

Pola súa banda, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, incidiu no “poder de convocatoria” co que conta o festival, unha cita na que os veciños “están implicados” e que supón un “motor socioeconómico” para o sector hostaleiro e para toda a bisbarra.

Tamén tivo palabras de recordo para o exrexedor Melchor Roel, que no seu día se envorcou “plenamente” co entusiasmo trasladado por Iván e David Méndez con esta iniciativa, que segue contando co apoio da administración local facilitando tanto medios humanos, como materiais e de loxística. “Non se concibe Viveiro sen o Resurrection Fest”.

Por parte de Agadic, Jacobo Sutil destacou que este festival se beneficiou da “maior dotación” da convocatoria de axudas, cun montante que se aproxima aos 42.000 euros.

CARTEL

Tras a primeira xornada de portas abertas, o xoves actuarán Refused, Black Label Society, Soulfly, Berri Txarrak, Periphery, Heart of a Coward, Aphonnic, Cannibal Corpse, Suicide Silence, Decapitated, Betraying the Martyrs, Misanthrope, Brothers till we Die, Anestesia, Comeback Kid, Toundra, Poison Idea, More than life, Oathbreaker, Nasty, Adrenalized, Defeater e Jardin da Croix.

Ao día seguinte será a quenda de Motörhead, In Flames, Backyard Babies, Children of Bodom, Kadavar, Antinowhere League, Get Dead, D.R.I., The Exploited, Nuclear Assault, Toxic Holocaust, Dr. Living Dead, Iron Reagan, Blaze Out, Dagoba, Terror, 7 Seconds, Deez Nuts, Death by Stereo, Expire, Darkest Hour, Risk it! e Intolerance.

Finalmente, a última xornada de festival contará con Korn, que interpretará o seu primeiro disco, Fear Factory, Danko Jones, Heaven Shall Burn, Skindred, Carnifex, Monuments, Behemoth, Moonspell, Dark Funeral, M.O.D., Ne Obliviscaris, Der Weg Einer Freiheit, In Mude, Dawn of the Maya, Borderlands, Satanic Surfers, StrungOut, Dog Eat Dog, Merauder, No Turning Back, Syberia e Providence.

30 de xuño de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.