publicidade hoxe

Charla sobre acollementos familiares no Rosal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Rosal
A-
A+
Charla sobre acollementos familiares

Charla sobre acollementos familiares

Onte, mércores 10 de xuño ás 17.30h, tivo lugar no Centro Social Polivalente unha charla sobre Acollementos Familiares. Unha técnico do programa de Cruz Vermella de Pontevedra, acompañada dunha voluntaria, desprazouse ao Rosal para falar dos acollementos en familia allea. Presentou o programa e detívose en cada punto para aclarar as dúbidas que xurdían entre as persoas asistentes.

Unha vintena de persoas asistiron á charla mostrando gran interese e formulando preguntas sobre os acollementos. Unha veciña do Rosal falou sobre a súa experiencia como familia acolledora. Dende o ano 2008 forma parte da rede de familias acolledoras de Galicia, nos que xa atenderon a 4 nenos/as da nosa comunidade.

Como dato anecdótico, a técnico encargada do programa na nosa provincia destacou a implicación da poboación rosaleira nos acollementos familiares en familia allea, xa que puxo como comparativa que nun concello como O Rosal, de pouco máis de 6000 habitantes, existen 3 familias acolledoras, as mesmas que en toda a cidade de Pontevedra. A charla foi valorada moi positivamente polas persoas asistentes. Ao remate da mesma repartíronse folletos e carteis e a técnico animou a todos e todas a informarse sen compromiso sobre este programa.

11 de xuño de 2015 | 11:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.