publicidade hoxe

Chanfaina Lab convértese en protagonista cultural da semana na Coruña, Vigo e Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O proxecto colaborativo Fálame de San Sadurniño e o seu derivado cinematográfico, o Chanfaina Lab, están sendo durante esta semana protagonistas de eventos tan importantes como a X Mostra de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego, do Festival Primavera do Cine que se celebra en Vigo ou da Mostra de Cinema Periférico S8 da Coruña. Unha semana na que o encontro audiovisual de setembro pasado estreará a súa última peza, obra da xornalista local Ary López, a xeito de resume do que deu de si este proxecto.

Este mércores pola tarde Fálame e o Chanfaina presentáronse en Santiago dentro da mostra de cine etnográfico que organiza o Museo do Pobo Galego. Proposto como un videofórum, na sesión explicáronse os obxectivos que persegue o proxecto Fálame de San Sadurniño como caixa da memoria dixital e de que maneira se adaptou a este cometido a experimentación audiovisual por medio do Chanfaina Lab, onde unha vintena de creadores e creadoras galegas puxeron a súa mirada sobre un territorio e un tempo concretos: San Sadurniño a comezos do mes de setembro de 2014.

Unha desas miradas, a de Xisela Franco, deu como resultado o dítico visual “Cruz Piñón”. Leva meses en youtube, xa se deixou ver nalgún encontro audiovisual e agora chega á sección oficial do Festival Primavera do Cine de Vigo con tres pases. Un hoxe ás 18.30h. no auditorio do Concello e mañá e mailo sábado no Museo MARCO. “Cruz Piñón” é unha obra documenta sobre o día a día desta veciña de Ferreira e, máis que nada, sobre o seu afán de superación para non perder o tren das TIC e da oportunidade que lle ofrecen para continuar evolucionando como persoa. 

O calendario de festivais cinematográficos galegos lévanos tamén esta semana máis ao norte. Concretamente á Coruña, onde onte comezou a VI Mostra de Cinema Periférico S8 cun foco especial na creación galega que sobrepasa a vintena de obras entre curtas e longas. E, dentro deste foco especial, destaca a figura do realizador Xacio Baño, a quen se lle adica unha retrospectiva que incluirá a peza “Solpor”, producida ao abeiro do Chanfaina Lab. Canda ela tamén poderemos ver dentro do apartado Sinais en curto outras obras do proxecto, como “Camiños de Bardaos”, de Ángel Santos, “SANSa SOLEIL”, de Otto Roca e “Proba de axilidade”, da guionista e realizadora Jaione Camborda. 

Na mostra participan tamén outras caras do Chanfaina: Alberte Pagán con “Superficies -peter (tubo)”, Beli Martínez como produtora do filme de Eloy Domínguez “Jet Lag”, Belén Montero e Juan Lesta (DSK) con “El juicio adelantado” e “Cine ASCII_art” e, xa na sección Special Screening, Marcos Nine -autor de “Chanfaina”-, proxecta por primeira vez na Coruña “A viaxe de Leslie”, que se aproxima á figura do actor Leslie Howard, desaparecido fronte á costa de Cedeira durante a II Guerra Mundial.

E entre tanta actividade, o Chanfaina Lab chegará este venres á última das súas estreas virtuais. Farao con ” Exhibición de curtametraxes I Chanfaina Lab. Epílogo”, unha curta realizada pola xornalista e comunicadora local Ary López que comezou a gravar en xaneiro, xusto o día en que se estrearon na Casa da Cultura as pezas participantes no proxecto. O obxectivo de Ary foi facer un balance visual do que deu de si o Chanfaina falando cos seus protagonistas. Mañá veremos o resultado co que se completará esta iniciativa impulsada polo profesor Manolo González. 

Deste xeito estarán dispoñibles na canle de youtube de Fálame de San Sadurniño unha vintena de curtas distintas, todas experimentais e todas novidosas sobre o municipio. As que se levan estreado suman entre todas algo máis de 4.000 reproducións. Unha cifra que queda en nada en comparación coa difusión que están obtendo en festivais e encontros audiovisuais dentro e fóra de Galicia.

4 de xuño de 2015 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.