publicidade hoxe

Catro compoñentes do BTT Ultreia Compostela participan na Volta a Andalucía MTB 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónDeportesDeportes Portada
A-
A+

Tres dos catro ciclistas do club compostelán BTT Ultreia lograron rematar a esixente proba. Unha cita imprescindible do panorama MTB internacional onde mais de 300 bikers se deron cita para percorreren, durante catro xornadas, as provincias de Málaga, Cádiz, Córdoba e Sevilla.

A volta a Andalucía MTB 2015 conseguiu convocar o pasado fin de semana, do 28 ao 31 de maio, a corredores de tódolos recunchos do panorama nacional, e ademais do ámbito internacional, destacando unha alta participación de portugueses, belgas e italianos. Unha participación de excepción entre a que se atopaba a representación galega cos corredores do BTT Ultreia de Santiago de Compostela José Miguel Andrade, Daniel Herráez, José Antonio Giménez e Julio Mallo. 

A proba internacional, avalada pola federación española de ciclismo, disputouse ao longo de catro duras etapas con mais de 200 km e 5000 m de desnivel positivo. A primeira delas celebrouse na vila de Antequera (Málaga) con unha espectacular cronoescalada de 6 km nocturna e urbana polo casco histórico e o barrio alto da cidade onde os ciclistas tiveron que sortear fortes pendentes, escaleiras, trialeras e un senfín de obstáculos que fixeron as delicias do público asistente. A segunda xornada deu paso a etapa raíña en Algodonales (Serra de Cádiz) con un percorrido de 74 km puramente montañoso e moi esixente, tanto polo terreo como polas altas temperaturas que se rexistraron. A terceira xornada levaría aos corredores a campiña sur cordobesa, disputábase en Lucena (Córdoba) cunha distancia de 62 km repartidos nun circuíto de 31 km que os bikers terían que completar dúas veces. Esta foi unha xornada na que o calor tamén tomou o protagonismo e os corredores gozaron coas baixadas en pista e a rapidez do percorrido. Para culminar, Osuna poría o broche final a Volta a Andalucía Mtb 2015 ofrecendo unha etapa de 70 km onde os corredores puideron disfrutar dun percorrido esixente que lles obrigou a non relaxarse nin un só momento. Remataba así unha durísima rolda andaluza na que tres dos catro representantes galegos conseguiron acabala sen mais contratempos que un par de pequenas caídas.

En canto a clasificacións, Daniel Herráez conseguiu colarse nos 100 primeiros postos quedando 68 na xeral, e José Miguel Andrade e Julio Mallo completaron a proba na metade da táboa clasificatoria, postos 140 e 152 respectivamente. En canto a José Antonio Giménez non puido rematala proba por problemas mecánicos coa súa bicicleta.

8 de xuño de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.