publicidade hoxe

Catoira acolle un curso sobre a educación integral dos adolescentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoira
A-
A+

O Concello de Catoira, en colaboración coa Universidade de Vigo celebrará os vindeiros 27, 28 e 29 de xullo o curso de extensión universitaria “Claves para mellorar a educación integral dos adolescentes” no Auditorio Municipal.

A temática que se abordará versará sobre os problemas de saúde habituais nos adolescentes, violencia de xénero, acoso escolar, xustiza penal en España para menores, comportamentos de risco, conflitos familiares ou novas tecnoloxías e redes sociais. Este curso, destinado a pais con fillos adolescentes, docentes, persoal sanitario e estudantes do eido educativo, social e sanitario, dirixido por Manuel Isorna Folgar, contará coa participación de diversos profesionais do ámbito autonómico e nacional como Jesús Pérez Horreo –da Unidade de Desordes da Alimentación do hospital de Conxo-, Francisco Javier Rodríguez Díaz –profesor da Universidade de Oviedo-, José Torres –do equipo de investigación tecnolóxica da Garda Civil- ou Antonio Rial Boubeta –profesor da facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Os obxectivos primordiais céntranse na formación, tanto de pais como de persoal relacionado, para abordar os cambios experimentados recentemente no tocante á saúde, familia e relacións na adolescencia. Trátase de identificar os signos e síntomas que manifestan, proporcionando información obxectiva sobre os problemas reais da adolescencia na actualidade e, por outra banda, fomentar a colaboración entre os pais, o profesorado e as institucións socioeducativas.

O prazo de matriculación remata o vindeiro 17 de xullo, cunhas taxas de 55 euros e desconto para os membros da comunidade universitaria. 

26 de xuño de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.