publicidade hoxe

Castaño dixo que o exgerente da Fundación Cela merecía unha ilimitada xenerosidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+
Europa Press

A viúva de Camilo José Cela, Marina Castaño, afirmou nun correo electrónico que “os servizos” que, “durante tantos anos”, prestara o exdirector xerente da Fundación Camilo José Cela, Tomás Cavanna Benet, quen está acusado de “redactar” a súa carta de despedimento, facíanlle “merecedor dunha ilimitada xenerosidade”.

“Non haberá acordo con ninguén, posto que se lle despide baixo a miña Presidencia e dispoño que se faga segundo el e eu decidamos”, asegurara, previamente, nesa mesma comunicación con data do 5 de maio de 2010, segundo recolle o auto da xuíza. Castaño respondeu, deste xeito, ao mail enviado pola filla do exconselleiro de Fraga Dositeo Rodríguez, no que se consultaba acerca da desvinculación de Cavanna con respecto á entidade que homenaxea ao Nobel galego.

A marcha de Cavanna incluíuse no plan de viabilidade da Fundación Camilo José Cela, que estaba en quebra e tivo que ser rescatada con fondos públicos por parte da Xunta. A partir de 2010, a Consellería de Cultura ostentou a presidencia da fundación, que pasou a ser honorífica no caso de Castaño, título que lle foi revogado á viúva de Cela, segundo confirmaron fontes do departamento autonómico.

Así, asinouse unha addenda de 230.000 euros á fundación e pagáronselle 150.000 euros de indemnización a Cavanna, segundo recoñeceu o propio Dositeo Rodríguez, membro do Consello de Contas na actualidade. O expatrono foi chamado a declarar en calidade de imputado por “simulación” do despedimento do ex xerente, do mesmo xeito que a súa filla Covadonga.

No auto redactado con data do 29 de maio, a xuíza instrutora do xulgado número 2 de Padrón considera “revelador” o correo enviado por Covandonga Rodríguez a Mariña Castaño, José Luís Delso e Dositeo Rodríguez, todos eles chamados a declarar entre o 21 e o 22 de xullo nesta causa.

Argumenta a relevancia sobre a base de que nel aparece “consultando a carta de cesamento despido” e apunta “que sería conveniente acudir ao servizo de mediación e arbitraxe, e ter a autorización da Consellería de Cultura”. É dicir, engade o auto, “como simular que efectivamente se trataba dun despedimento e non dun cesamento voluntario”.

CARTA DE DESPEDIMENTO

Tras a resposta de Marina Castaño antes mencionada, Covadonga Rodríguez remite ao seu pai, “entre outras persoas, a carta de despedimento redactada polo propio Tomás (Cavanna)”, carta “que non pode máis que cualificarse de esperpento xurídico”. Di a xuíza que esa situación descrita “ponse de manifesto” noutros mails, “motivo polo que se redacta unha nova carta simulando o despedimento de Tomás (Cavanna) e recoñecendo ao seu favor unha indemnización de 33 días de salario por ano traballado”.

Antes destes feitos correspondentes a 2010, o 30 de novembro de 2009 “consta” que o director xerente de Tomás Cavanna “solicitou que se considerase o seu cesamento, solicitude que non era vinculante”, segundo recolle o auto.

A pesar de que “en novembro de 2009 Tomás (Cavanna) comunicou o seu desexo de abandonar voluntariamente a fundación”, apunta a xuíza, “simulouse un despedimento” para “favorecelo economicamente”.

Na xunta directiva do 30 de novembro, Tomás Cavanna comunicou que a fundación se atopaba en números vermellos desde o día 22 e “expuxo”, no mesmo día da inauguración da sede, “a súa marcha” a Camilo José Cela, pero mantívose no cargo por petición persoal” do Nobel.

“ERAN CONSCIENTES DA SITUACIÓN ECONÓMICA”

Segundo o informe pericial que se recolle no auto, ata o ano 2008, as retribucións salariais puideron ser cubertas con subvencións privadas, pero “non” a partir dos anos 2009 e 2010, en que os ingresos da fundación e as subvencións privadas “eran insuficientes”.

Ademais, no ano 2010, os investimentos, compras e gastos “son superiores” ás subvencións privadas e públicas, o que dá lugar a perdas contables rexistradas no ano 2010 que acumularon 755.121 euros.

“O certo é que, tanto Marina Castaño como presidenta; como Tomás Cavanna, como xestor da fundación, eran conscientes de que o abono da suma supostamente pactada na situación económica da fundación faríase cargo a fondos públicos, e aínda así, continuaron adiante”, recolle a xuíza, que conclúe que “esta conduta si reviste, por tanto, os caracteres de tipo penal de malversación de fondos públicos”.

A este respecto, engade que a “conduta” de Covadonga Rodríguez, “coñecedora como era da situación da fundación, do seu financiamento e de que o despedimento de Tomás (Cavanna) que se estaba tramitando non se correspondía coa realidade, tamén aparece constitutiva de conduta tipificada penalmente”.

“E o mesmo debe concluírse respecto de José Luís Delso (como secretario da fundación) e Dositeo Rodríguez, que tiñan coñecemento previo de que non se trataba dun despedimento e con todo simularon conscientemente aprobando que se lle abonase con cargo a diñeiro público unha indemnización de 150.000 euros”, agrega.

ANOTACIÓN FISCAL COMO DIETAS

Doutra banda, a xuíza alude ao informe do perito polo que se apunta que, “aínda que se contabilizou a suma de 150.000 euros como indemnización”, e así se reflectiu documentalmente, despois “fiscalmente déuselle tratamento de dietas para evitar a retención”.

No auto, a instrutora tamén apunta que, coa regulación vixente no ano 2009, a suma de 150.000 euros “excedería da que lle correspondería en caso de despedimento obxectivo”.

“Pero a cuestión é que, das actuacións practicadas, inférense indicios suficientes de que non se tratou dun despedimento, senón dun cesamento voluntario ao que, para xustificar a entrega da suma de 150.000 euros, quíxoselle dar outra aparencia”, abunda a xuíza.

Neste escenario, a instrutora conclúe que “o certo é que o propio Tomás (Cavanna) o que redactou en nome da fundación a súa carta de despedimento, do que era coñecedor Dositeo Rodríguez”.

OUTROS ASISTENTES E PETICIÓN DE DATOS

Nas xuntas de 30 de novembro de 2009 (na que, segundo explica a xuíza, Cavanna comunicou o seu desexo de deixar o posto) e na do 27 de maio de 2010 participaron -ademais de Castaño, Dositeo Rodríguez e Delso- Nieves Segovia Bonet; Senén Varro (exrector da USC); Valeriano Martínez (que era secretario de Presidencia da Xunta de Feijóo e agora é conselleiro de Facenda); Roberto Varela (entón conselleiro de Cultura); Luis Iglesias Feijoo; e Paloma García Nieto (filla do poeta García Nieto).

A este respecto, a xuíza sinala que “poderían incorrer en ilícito penal, ou que haberá de determinarse unha vez practicadas as dilixencias consistentes en declaración de imputados” para “esclarecer a natureza da intervención” nas decisións da xunta. A decisión do despedimento fora aprobada por unanimidade, segundo explicou a Xunta nun comunicado emitido este luns.

Así as cousas, na parte dispositiva do auto, a xuíza pide que a UDEF, “o máis axiña posible, facilite os domicilios das persoas imputadas”, así como os de Nieves Segovia Bonet, Senén Varro, Valeriano Martínez, Roberto Varela, Luis Iglesias Feijoo e Paloma García.

1 de xuño de 2015 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.