publicidade hoxe

Cambre informa os veciños sobre o proceso de solicitude referente ás fogueiras de San Xoán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambre
A-
A+

Os veciños de Cambre poderán solicitar a partir do próximo día 11 de xuño e ata o día 19 a oportuna autorización municipal para as fogueiras de San Xoán nos rexistros municipais de Cambre e O Amorne. Os solicitantes deberán ser maiores de idade e comunicar o lugar de emprazamento da fogueira ou sardiñada.  Os veciños e hostaleiros terán dúas solicitudes diferentes nos rexistros municipais. Unha delas referente ás fogueiras en espazos públicos e outra para os interesados en sardiñadas ou grelladas tanto en espazos públicos como para hostaleiros.

O concello lembra que todas as queimas en leiras privadas están reguladas pola Xunta de Galicia polo que insta a estes veciños a solicitar os pertinentes permisos na administración autonómica. Na solicitude a cubrir polos interesados están reflectidas unha serie de normas para garantir a seguridade que serán inspeccionadas polo Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cambre. No caso de que este servizo observe que se incumpren as normas establecidas poderá retirar a fogueira ou grellada no mesmo momento ou antes do inicio do festexo. O concello repartiu un bando polo concello co obxectivo de que os veciños sexan conscientes das normas para realizar os festexos no termo municipal.

Os días 11, 15 e 17 un responsable de Protección Civil recibirá as solicitudes no rexistro do concello e orientará aos veciños sobre as normas de seguridade que se deben levar a cabo. Os días 16 e 18 a recepción de solicitudes será en O Amorne de 10 a 14.00 horas.

NORMAS PARA AS FOGUEIRAS 

O horario para levar o material establécese a partir das 16.00 horas do día 23 de xuño.

Deberá terse limpo un radio de 5 metros ao redor da fogueira.

As fogueiras non poderán ter unha altura superior á que determinen os Servizos de Emerxencias e Seguridade municipais que as inspeccionen e como norma xeral non superarán os 2,5 metros de altura.

Deberán situarse como mínimo a 15 metros de colectores, vehículos, vivendas, farois, etc, e en ningún caso baixo tendidos eléctricos ou telefónicos, debendo coidar que nos arredores non exista ningún local onde se almacenen produtos inflamables.

Prohíbese o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de pneumáticos, plásticos, espuma de poliuretano e en xeral de calquera sustancia que ao arder desprenda fume tóxico.

Non se poderán acender sen protexer previamente o chan cunha capa de area de polo menos 10 cm. de espesor.

Deberá contarse con extintor ou medios adecuados para actuar en caso necesario.

Os responsables das fogueiras e/ou sardiñadas deberán atender en todo momento os requirimentos dos servizos de Emerxencias e Seguridade municipais que, por razóns de seguridade, poderán ordenar a retirada ou a modificación dos seus elementos.

A hora límite para terminar a celebración é ás 03.30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido no Decreto da Xunta  de Galicia para a celebración de festas e romarías populares.

Ao remate os responsables da organización coidarán de que os restos queden totalmente apagados e deberán limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario deberán asumir o custo da limpeza que poderán efectuar os servizos de limpeza municipais.

8 de xuño de 2015 | 18:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.