publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Avanza a bo ritmo a campaña de desbroces de Gabias en Teo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

A campaña de desbroces de gabias que se realiza todos os anos durante o verán comezou a mediados de abril e segundo indican dende Servizos Básicos avanza a bo ritmo. Nos últimos anos vense establecendo un calendario de limpeza nas parroquias polo que se actúa nas gabias nas semanas previas ás festas con máis tradición na zona.

Deste xeito os dous tractores municipais que están dedicados a esta tarefa xa estiveron nas semanas pasadas en Bamonde, Rarís ou Cacheiras, onde acaba de celebrarse a festividade do Raxó. No mes de xuño está previsto que se limpe na zona de Balcaide, Recesende e Calo. No mes de xullo as máquinas estarán en Reis, Vilariño, Lucí, Luou e Cacheiras. En agosto tocará pasar por Bamonde e Teo. En setembro os tractores pasarán por Ameneiro, Oza e Rarís e en novembro tocará a zona do San Martiño ademais de repasar vías principais polas que se comezara a limpar no mes de abril.

Xurxo Francos, responsable de Servizos Básicos, destaca que “a limpeza de gabias nun concello coma Teo, con 800 quilómetros de rede viaria municipal asfaltada é un enorme reto, xa que as necesidades son moitas e o tempo e os medios limitados”. Sen embargo explica que “pensamos que este calendario responde bastante ben ás necesidades das parroquias e sempre tendo presente a flexibilidade, xa que no caso de que haxa zonas perigosas como cruces que hai que atender con antelación por suposto móvese un dos tractores para facelo mentres o outro continúa na zona segundo a planificación”.

Os medios propios dedicados a esta campaña son dous tractores municipais con desbrozadora de brazo. Pola súa banda en Calo faise a limpeza a través dunha empresa contratada xa que é unha parroquia moi extensa que hai que limpar en xuño pola celebración das festas de San Xoán e neste período hai que atender varios lugares a un tempo.

Os técnicos indican que a limpeza da maleza realízase nos meses de máis calor xa que “no verán como pasa no inverno o medre da herba estáncase polas condicións meteorolóxicas e deste xeito a gabia mantense despexada durante varias semanas”. Se o desbroce se fixera na primavera provocaríase un medre importante da herba pola humidade. O que si se fixo este ano foi facer un repaso das vías principais antes de comezar a campaña dándolle unha soa mallada para limitar o medre.

Como en anos anteriores dende o Concello de Teo reitérase a petición de que as administracións supramunicipais con vías propias en Teo, Deputación, Ministerio de Fomento e Xunta de Galicia, realicen estes traballos de mantemento con planificación e nun prazo razoable. 

1 de xuño de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.