publicidade hoxe

Autorízase a ampliación do cemiterio parroquial de San Vicente de Lagoa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAlfoz
A-
A+

A Xunta de Galicia vén de outorgar a autorización á Diócese de Mondoñedo- Ferrol para a execución da ampliación do cemiterio municipal no lugar de Igrexa, na parroquia de San Vicente de Lagoa, no Concello de Alfoz. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de remitir á administración local a resolución en solo rústico previa á concesión de licenza municipal para a execución desta actuación.

Na documentación achegada ao departamento de Urbanismo da Xunta recóllese unha ampliación do cemiterio parroquial na mesma parcela do igrexario e da reitoral. A previsión é construír 48 novos nichos e 16 panteóns, máis un novo depósito e aseo. Estas edificacións ocupan unha superficie de 300 m2, é dicir, un 7,4% da superficie real do predio que suma un total de 4.029 m2.

Tal e como se recolle na resolución, a actuación cumpre as condicións de edificación establecidas nos artigos 42 e 44 da Lei do solo, en concreto non supera a altura máxima de 7 metros e a implantación, tipoloxía e acabados harmonizan adecuadamente coa contorna e coa topografía. Non é de aplicación a condición de parcela mínima nin ocupación máxima de parcela, ao tratarse da ampliación dun cemiterio existente.

Por último, tamén se aclara que se deberán obter as licencias municipais e demais autorizacións e informes perceptivos, segundo o disposto na lexislación sectorial que lle sexa de aplicación.

22 de xuño de 2015 | 13:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.