publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Apertura do prazo de inscrición dos cursos especializados para profesionais na Feira Corazón da artesanía de Agolada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Economía e Industria vén de abrir a inscrición para os cursos especializados para profesionais que se desenvolverán no IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia Corazón da Artesanía, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo nos Pendellos da localidade pontevedresa de Agolada. A sombreirería, a fotografía e o deseño son as áreas nas que se centran estas actividades nas que poderán participar os artesáns e deseñadores que se inscriban na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es.

Nesta nova edición do encontro Corazón da Artesanía a oferta formativa será un dos atractivos que complementará as demostracións de oficios artesanais, as actividades para nenos e nenas, as actuacións de música e baile, as conferencias e as exposicións que formarán parte do programa que está a ultimar a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño.

Os interesados poderán optar por participar en workshops como A asa. Análise, práctica e deseño que será impartido, os días 3 e 4 de xullo, polo recoñecido deseñador internacional de orixe libanesa e afincado en Madrid Assaad Awad, que ten colaborado con Thierry Mugler, Mario Testino, Lady Gaga ou Madonna.

Do 4 ao 5 de xullo, celébrase o workshop Fotografía aplicada á artesanía impartido polo fotógrafo alemán afincado en Lugo Peter Schneider. A finalidade deste curso é que os participantes poidan realizar fotografías de calidade das súas pezas para as súas publicacións en web, redes sociais ou páxinas de venda on line.

A artesá pontevedresa Viviana Araújo impartirá o obradoiro Oficios de moda. Sombreirería con novos materiais. Neste obradoiro, que se celebrará do 3 ao 5 de xullo, os asistentes poderán coñecer da man da experta artesá pontevedresa as novas correntes na introdución de materiais non habituais para a elaboración e confección de complementos de moda, especialmente na sombreirería.

Outras accións formativas que terán lugar neste encontro son o obradoiro Fotografía para dispositivos móbiles. Artesanía no prato que impartirá, o 4 de xullo, o comunicador audiovisual santiagués David Cabezón. Tratarase de desenvolver un obradoiro de fotografía gastronómica na que se traballará con composicións e estilismos que combinen as elaboracións gastronómicas e as pezas de Artesanía de Galicia.

Tras tres anos de celebración do evento Corazón da Artesanía, Agolada consolídase como un espazo de diálogo entre artesanía, deseño, arquitectura e moda; de reflexión sobre o proceso creativo e de novas propostas sobre a interacción da artesanía no desenvolvemento do rural, grazas ás actividades promovidas pola Consellería de Economía e Industria.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

5 de xuño de 2015 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.