publicidade hoxe

Amigos e familiares da muller achada morta na Pobra piden xustiza ás portas do xulgado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalSucesos
A-
A+
Europa Press

Amigos e familiares da muller de 39 anos que foi achada morta por feridas de arma branca na noite do domingo nunha leira na Pobra do Caramiñal (A Coruña) reivindicaron xustiza ás portas do xulgado de Riveira onde pasou a disposición xudicial a parella detida en relación con este crime. En declaracións aos medios ás portas dos xulgados, difundidas pola TVG, unha curmá da falecida rexeitou que traficara con drogas.

“A miña curmá non é unha ladroa. A miña curmá non traficaba con droga”, manifestou, entre bágoas, unha familiar da vítima en relación á hipótese de que o crime se debese a un axuste de contas por unha débeda relacionada coas drogas. “Queremos xustiza, nada máis”, sentenciou.

Pola súa banda, unha amiga da falecida asegurou, visiblemente emocionada tamén, que a vítima “non tiña relación ningunha con esta xente” -a parella detida-. “Non é certo, é unha persoa honesta, que ten os seus fillos e a súa vida”, abundou.

A parella detida en relación coa morte desta muller de nacionalidade estranxeira veciña de Riveira chegou ao xulgado por separado cuns minutos de diferenza e, ante a presenza de medios e familiares e amigos da vítima, tapáronse o rostro.

Os detidos estaban citados a partir das 9,30 horas no Xulgado de Instrución Número 1 de Riveira, en funcións de garda cando ocorreron os feitos, para pasar a disposición xudicial.

AUTOPSIA

O resultado preliminar da autopsia indicou que a vítima, de 39 anos e veciña de Riveira, faleceu como consecuencia de feridas de arma branca.

Foi na noite do domingo, pasadas as 21,00 horas, cando o dono dunha leira atopou o corpo da muller cando se dirixía a regar no lugar da Fandiña. A vítima presentaba varias coiteladas no costado, feridas de arma branca que lle causaron a morte.

Tras a súa detención, na tarde do luns realizouse un rexistro do domicilio dos dous arrestados en relación á morte da muller.

10 de xuño de 2015 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.