publicidade hoxe

Adega e Medio Ambiente colaborarán na protección da píllara das dunas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+
Sinatura do convenio entre Adega e Medio Ambiente

Sinatura do convenio entre Adega e Medio Ambiente

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e infraestruturas, Ethel Vázquez, e a presidenta de Adega, Virxinia Rodríguez, asinaron hoxe no Grove un convenio de colaboración destinado a protexer a píllara das dunas e a eliminar especies invasoras en espazos protexidos a través de voluntariado ambiental.

A titular de Medio Ambiente destacou que a Píllara das dunas é unha especie ameazada, para a que o Goberno galego ten deseñado un plan específico de conservación de cara a restaurar a súa poboación en todos aqueles lugares de Galicia considerados como imprescindibles para a súa recuperación. No referido ás especies invasoras, Adega levará a cabo actuacións incluídas no Plan de recuperación do sapoconcho común que “puxemos en marcha co obxectivo de levar a cabo medidas de erradicación de especies exóticas invasoras que eviten a perda da nosa biodiversidade”, destacou Ethel Vázquez

O acordo entre a Administración autonómica e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) busca acadar unha maior sensibilización da poboación no respecto e coidado do noso medio, mediante o desenvolvemento de programas e actividades de información e formación ambiental.

As medidas recollidas no convenio teñen como obxectivo común a defensa e promoción da conservación dos hábitats e da diversidade biolóxica de Galicia e procura a implicación e a participación cidadá na busca de alternativas e solucións aos problemas ambientais actuais, como a perda da biodiversidade.

Ethel Vázquez remarcou que o convenio contribuirá a acadar os obxectivos do Goberno galego de divulgación da importancia da conservación das especies e hábitats protexidos de Galicia, dando a coñecer á cidadanía as súas responsabilidades nesta materia e incidindo na necesidade e importancia da súa participación, fomentando o voluntariado ambiental en espazos naturais protexidos. Así mesmo, sinalou que o acordo axudará a por en valor ecosistemas ameazados, ademais de axudar na loita contra as especies exóticas invasoras, mediante a realización de actividades de divulgación e programas de actuación para a súa eliminación.

Esta nova colaboración con ADEGA enmárcase no traballo conxunto que a Administración autonómica e a organización ecoloxista veñen desenvolvendo nos úlitmos anos e que se materializa tamén a través do Proxecto Ríos que se acaba de renovar. A conselleira de Medio Ambiente subliñou que Adega ten unha experiencia contrastada en materia de voluntariado ambiental e en conservación en xeral, polo que considerou positivo continuar con colaboracións tan frutíferas.

Por último, Vázquez concretou que, o Executivo autonómico considera que só coa corresponsabilidade e coa colaboración da sociedade será posible lograr a preservación do noso medio e acadar un desenvolvemento sustentable que garanta a calidade de vida de todos os cidadáns.

Conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente

A sinatura do convenio tivo lugar no marco dunha visita ao monte Siradella, no municipio do Grove, desde o que se poden contemplar o areal da Lanzada e o complexo intermareal Umia-O Grove.

A visita, na que a conselleira estivo acompañada ademais da directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e do alcalde en funcións, Miguel Ángel Pérez, forma parte das actividades organizadas con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora mañá, 5 de xuño.

Este ano a celebración ten por lema Sete millóns de soños. Un só planeta. Consume con moderación, co que se pretende concienciar sobre a necesidade de xestionar os recursos de modo eficiente e sustentable para asegurar o benestar futuro de todos os cidadáns.

4 de xuño de 2015 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.