publicidade hoxe

Abegondo organízase con novas áreas para atender as prioridades dos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

O goberno municipal de Abegondo terá este mandato unha estrutura que potenciará novas áreas atendendo ás prioridades que demanda a cidadanía. O alcalde, José Antonio Santiso, asumirá a coordinación xeral do goberno local. Ademais, dirixirá directamente a área de Deportes, onde ademais das programacións e accións de apoio ao deporte local, englobarase o servizo municipal de Coaching.

Este foi un dos compromisos adquiridos na campaña polo rexedor e agora xa se traduce nunha competencia específica na organización do Concello para pola en marcha canto antes. Consistirá nun servizo de adestramento personalizado para cada veciño que desexe participar no programa. 

O obxectivo será contribuír ao seu desenvolvemento físico e persoal mediante técnicas motivacionais, exercicio físico, talleres e diferentes dinámicas propias desta nova disciplina en auxe sobre todo no ámbito privado e que o Concello aposta por lanzalo como un servizo público. Cada participante terá o seu seguimento polo coach para analizar a súa evolución. 

A primeira tenente de alcalde será Laura Calvo, que coordinará a área Sociosanitaria. Santiso subliña que os servizos sociais serán unha “prioridade absoluta” para o Concello. A intención é seguir aumentando a carteira de servizos ao veciño, como se acaba de facer cos descontos ás persoas sen recursos para acceder ao dentista. 

O segundo tenente de alcalde será Alberto Seoane. Dirixirá a área de Transparencia, Infraestruturas e Urbanismo. O apartado de Transparencia entra con nome propio para impulsar o desenvolvemento do portal de transparencia e garantir o acceso do cidadán á información municipal 

Gustavo Qundimil, terceiro tenente de alcalde, asumirá a área de Desenvolvemento Sustentable. O Concello quere que a sustentabilidade e o medio ambiente sigan sendo a súa marca de identidade e por iso terá esta área específica. 

Francisca Bestilleiro, cuarta tenente de alcalde, estará á fronte da área de Participación Veciñal, Desenvolvemento Ecoagrario, Formación e Emprego, e Seguridade Cidadá. Un dos seus principais labores será a elaboración dun regulamento de participación cidadá, coa creación de órganos onde tomarán a voz os veciños. Así mesmo, Desenvolvemento Ecoagrario entra con denominación propia porque engloba a creación do parque ecoagrario, que será o primeiro da súa clase en Galicia e propiciará o crecemento económico e o emprendemento aproveitando o potencial do agro. 

Completarán o goberno Marcos Zapata, que se estrea no goberno asumindo a área de Mantemento Enerxético, Industria, Feiras e Mocidade; José María Caamaño, á fronte de Mantemento de Servizos Públicos; e Luís Freire, que tamén debuta no Concello dirixindo Educación e Cultura. 

O alcalde asegura que se confeccionou unha organización “medida e moi pensada” para potenciar todas as áreas que máis esforzo necesitan. Santiso anima aos veciños con calquera necesidade a contactar co goberno local porque “sempre nos atoparán dispostos a escoitar”.

27 de xuño de 2015 | 20:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.