publicidade hoxe

A Xunta implantará o Plan das Catedrais por responsabilidade e pide ao Concello non perder tempo en loitas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadeo
A-
A+
Europa Press

A Xunta de Galicia porá en marcha o próximo 1 de xullo o Plan de Conservación da Praia zx Catedrais aínda que o documento conte coa oposición do Concello de Ribadeo (Lugo), unha institución á que a conselleira de Medio Ambiente, Ethel Vázquez, pediu “non perder o tempo en loitas”.

Ethel Vázquez participou este xoves en Santiago nunha reunión con axencias de viaxes, operadores turísticos e representantes do Clúster do Turismo de Galicia, aos que explicou este plan en compañía da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

A conselleira de Medio Ambiente recordou que o obxectivo deste plan é “compatibilizar a preservación dese espazo natural co desfrute dos turistas”, facendo do turismo “unha actividade sostible”.

Para iso, pediu a colaboración de todos os operadores implicados no sector para aplicar este proxecto, distribuíndo as autorizacións que a Xunta xa puxo a disposición dos cidadáns.

Na mesma liña, Ethel Vázquez comprometeuse a aplicar este plan con “flexibilidade” e a abrir “vías de diálogo” e “atopar consensos” na materia se fose necesario.

CRÍTICAS A RIBADEO

A preguntas dos medios, Ethel Vázquez criticou a actitude mostrada cara ao plan polo goberno local de Ribadeo, que rexeitou nun pleno extraordinario este mércores a implantación destas medidas.

“Estou sorprendida por este cambio de actitude repentino”, indicou a conselleira, quen recordou que este plan foi unha “demanda social reiterada polo propio alcalde” durante o último ano.

Ethel Vázquez púxose en contacto este mércores a través dunha carta co alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, a quen trasladou “o convencemento de que o diálogo é imprescindible para que este plan funcione ben”. Non obstante, criticou que a casa do concello impedise á consellería tomar parte no pleno do mércores para “explicar o plan”.

A conselleira indicou que a Xunta se “comprometeu hai un ano” a elaborar este plan e garantiu que comezará a súa aplicación o 1 de xullo porque “non se pode estar un verán máis sin regular o acceso”. “Imos aplicar a lei porque está acreditado o risco, non podemos perder o tempo en loitas nin en mensaxes alarmistas do Concello de Ribadeo, temos que ser responsables coa protección do espazo natural”, resumiu a conselleira.

Ethel Vázquez confirmou que haberán “formas de mellorar” o plan mesmo aínda que estea en marcha e reiterou a súa oferta ao “diálogo”. Ao mesmo tempo confirmou que este venres se reunirá co delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, para analizar a implantación do documento e prever actuacións se fose necesario. “Se o concello non pon aparcamentos como fixo ata agora, teremos iso previsto”, exemplificou.

18 de xuño de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.