publicidade hoxe

A Xunta desenvolve na praia das Catedrais unha xornada informativa sobre o seu plan de conservación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadeo
A-
A+

A Xunta de Galicia desenvolverá esta tarde na Praia das Catedrais unha xornada informativa sobre o Plan de Conservación e as medidas de ordenación de acceso que se porán en marcha este verán. Tendo en conta que a xornada de San Xoán é festivo en moitas localidades, guías do servizo de Conservación da Natureza informarán aos visitantes sobre o sistema de regulación de acceso que entrará en vigor o vindeiro 1 de xullo, sobre  outras posibilidades de visita pola zona, os horarios de preamar e baixamar que condicionan as horas máis recomendables de acceso, así como dos valores do medio que permitiron declarar como Monumento Natural este espazo da costa da mariña lucense.

Tendo en conta que a baixamar será ás 16.30 horas, estes traballos desenvolveranse entre as 15.30 e as 18.30 horas, o tempo máis propicio para as vistas. Estarán supervisados polo subdirector de Conservación da Natureza e a xefa do servizo provincial de Conservación, co obxectivo de coñecer de primeira man todas as posibles incidencias e darlles unha resposta o máis áxil e efectiva posible aos visitantes.

Por outra banda, o departamento de Turismo aproveitará a xornada para recabar información e opinións dos visitantes, mediante enquisas que recollerán o seu grado de satisfacción, como se achegaron ao monumento, como planificaron a visita, e os motivos que os levaron a visitalo. Esta información será valorada para planificar actuacións que melloren o atractivo turístico deste espazo protexido. 

Reunión cos comerciantes

Tamén esta tarde, a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, manterán unha reunión coa asociación de Comerciantes, Industriales, Servicios e Autónomos de Ribadeo para explicar o sistema de control de acceso e resolver as súas dúbidas. 

As representantes do Goberno galego explicarán aos comerciantes que todas aquelas persoas que acrediten o seu aloxamento nalgún local hostaleiro no concello de Ribadeo estarán autorizadas para acceder á Praia das Catedrais.

Ademais, Tellado e Castro incidirán en que a autorización gratuíta para acceder á Praia das Catedrais poderá descargarse o mesmo día da visita mediante o teléfono móbil. Dese xeito, sempre que non estea completo o límite diario, os visitantes que cheguen ao Monumento Natural sen autorización previa poderán conseguila en poucos minutos a través da aplicación web https://ascatedrais.xunta.es, para o que, se o precisan, contarán con axuda dos guías da Xunta de Galicia.

A través dun procedemento áxil e sinxelo, calquera persoa que queira acudir a este espazo protexido, situado no Concello de Ribadeo, poderá reservar a súa autorización por internet cunha antelación máxima de 15 días e ata o mesmo día da visita.

Esta plataforma tamén proporciona información de interese sobre os horarios das mareas e as horas máis propicias para a visita, así como sobre o número de autorizacións aínda dispoñibles para cada día. 

24 de xuño de 2015 | 11:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.