publicidade hoxe

A nova xerencia da gasolineira de Ponte Carreira restablece o servizo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

A nova xerencia da gasolineira de Ponte Carreira vén de restablecer o servizo ao público neste mes de xuño, garantindo a dispoñibilidade de todos os combustibles e anunciando que xa teñen solicitado o permiso para poder vender Gasóleo B agrícola e bombonas de butano. Así llo comunicou a nova xerencia da estación ao alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen nos últimos meses mantivo varios contactos tanto coa nova xerencia como co antigo propietario para ver de solucionar os problemas de subministro da instalación que tantas molestias e problemas lle ocasionaron aos condutores e condutoras do municipio.

A nova xerencia da gasolineira de Ponte Carreira confirmou que dende o pasado 3 de xuño, data na que recomezaron o servizo, dispoñen de todos os combustibles e que mesmo ampliaron nunha hora o servizo de atención ao público: de 7:00 a 23:00 horas. Ademais, apuntaron que entre os plans futuros da instalación figuran a instalación dun servizo de lavado de vehículos. 

Roberto Rey recibiu con satisfacción este anuncio, que pon fin a máis dun ano de problemas polos continuos desabastecementos que sufriron os clientes da gasolineira de Ponte Carreira. Uns problemas que mesmo chegaron a ser tratados polo pleno municipal en varias ocasións e que, de xeito unánime, acordaron presentar varias reclamacións e queixas diante da Xunta e da empresa Repsol, que finalmente concluíron cun cambio de titularidade na estación de servizo, tal e como tamén esixiron todos os grupos municipais de Frades.

17 de xuño de 2015 | 19:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.