publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Garda Civil busca a un septuaxenario desaparecido na Rúa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA RúaPortada dereitaSucesos
A-
A+
Europa Press

O equipo de montaña da Garda Civil busca a un septuaxenario desaparecido na Rúa (Ourense) desde o día 3 de xuño. Durante a mañá deste luns rastrexaron lugares recónditos, ao non ser localizado pola familia, veciños nin equipos de procura durante unha semana. Así o explicou este luns o alcalde en funcións da Rúa, Avelino García Ferradal, despois de ser denunciada a súa desaparición ante a Garda Civil pola familia tras percibir que Jesús Bermejo Jiménez daba explicacións confusas sobre a súa localización.

A alerta da desaparición deste home de 71 anos está en varias redes sociais xestionadas por Protección Civil e colectivos de toda España. García Ferradal manifestou que Bermejo é natural de Madrid, e a súa esposa da Rúa, localidade ourensá na que pasan longas tempadas, sobre todo no verán. A súa presenza en Ourense durante a semana pasada debeuse a unha celebración familiar. “O domingo 31 de maio tiveron a primeira comuñón dunha sobriña e viñeron, e quedaron uns días máis”, detallou.

Era habitual, segundo comentou o rexedor, que o desaparecido saíse da súa casa a tomar café nun bar da Rúa e logo a dar un paseo. “Ese día cruzouse cun veciño ao que dixo que ía cara ao pobo de Fontei, pero facíao camiñando en dirección contraria, así que lle pareceu que ía algo desorientado”, concretou.

CHAMADAS

Sobre a hora de comer, a esposa de Bermejo chamouno por teléfono para avisalo de que volvese á casa “e recibiu explicacións confusas sobre o lugar onde estaba” así que lle pediu que non se movese de onde estaba cando eran as 13,30 horas.

Segundo García, o home falou varias veces coa súa familia e sempre lle insistiron en que chamase ao 112 “para facilitar a súa localización por satélite”, xa que o teléfono que el ten non permite activar GPS, pero Jesús Bermejo non fixo esa chamada e perdéronlle a pista tras a última conversación, sobre as 21,00 horas do día 3, cando as súas últimas explicacións foron para dicir que se atopaba canso, con sede e con dor de pés.

CARACTERÍSTICAS

Bermejo ten 71 anos, mide 1,75 metros de altura, é corpulento e saíu da casa vestido cunha camisa branca de raias, pantalón verde caqui e sandalias negras pechadas, segundo os datos achegados pola familia.

Tras organizar procuras diarias con veciños, familiares, axentes da Garda Civil e Protección Civil, a realizada este luns foi por lugares máis recónditos e a cargo do grupo especialista de montaña da Garda Civil.

8 de xuño de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.