publicidade hoxe

A foliada Nordestía traerá aos grupos Treixadura e Riobó e a Ce Orquestra Pantasma a San Ciprián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+
Presentación da foliada Nordestía

Presentación da foliada Nordestía

Os días 10 e 11 de xullo San Ciprián reunirá a numerosos grupos de música folk e popular galega na Foliada Nordestía, coincidindo ademais coa celebración das Festas do Carme. O  alcalde de Cervo, Alfonso Villares, os membros da Asociación Clan, Ricardo García e Marcelino Bermúdez, que organiza esta iniciativa, e o presidente da Comisión de Festas do Carme, José Ramón Soto, presentaron o cartel e os detalles deste evento musical. 

A primeira actividade terá lugar o venres día 10, a partir das 19:30 h. con “Cantos de taberna”, que inclúe a degustación de tapas a 1 euro con acompañamento de música tradicional en directo da man de numerosos grupos chegados da Mariña e doutras partes de Galicia. 

Un evento do que formarán parte 19 bares e restaurantes de San Ciprián e no que se sortearán 200 euros. Os locais que participan son: El Puerto, Pedregal, O Pulgas, O Mesón do Pulpo, CIT, A Bodega, O Noso Lar, Candal, Camarote, Pizzería O Trasgo, Mesón da Ría, Lusco Fusco, Bierzo, Sombriza, Maruxaina, O Encontro, Telvi´s, Titas e Bruno´s. 

A noite continuará coa actuación de Ce Orquestra Pantasma, músico vigués autodidacta que leva dende o 2008 ofrecendo espectáculos como home orquestra pero que conta cunha longa traxectoria, tendo formado parte de grupos recoñecidos como A Roda.

Treixadura e Riobó   

O sábado 11 de xullo será o día forte, comezando cunha actividade infantil, o espectáculo “Sen medidas” de Novocirco, a partir das 13:00 h. Pola tarde, a partir das 21 h. catro grupos de música folk e tradicional galega participarán na foliada na praza dos Campos, dous deles de San Ciprián, como son Mistura e A Rebolaxe. Tamén ofrecerán a súa música A Rexouba da Coruña e Buxos Verdes, de Vilalba. 

As actuacións continuarán ás 23:30 h. con Treixadura, un grupo de gaiteiros das Rías Baixas con 25 anos de traxectoria que presentarán o seu novo disco e que traerán música popular de tradición oral e tamén composicións propias. 

Pechará a noite o grupo Riobó, composto pola violinista folk galega Begoña Riobó, que traballou nas bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane ou Sondeseu, e outros catro músicos cunha sólida traxectoria. 

29 de xuño de 2015 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.