publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A feira Corazón da Artesanía de Agolada amplía oferta con máis obradoiros de artesanía e postos de alimentación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAgoladaAxenda e Cultura
A-
A+
Sol Vázquez na visita aos Pendellos de Agolada

Sol Vázquez na visita aos Pendellos de Agolada

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores, e a xerente da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, Elena Fabeiro, realizaron esta mañá unha visita de traballo xunto co alcalde de Agolada, Ramiro Varela, ao conxunto histórico-artístico dos Pendellos, onde se vai celebrar do 3 ao 5 de xullo o IV Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, Corazón da Artesanía, organizado pola Consellería de Economía e Industria.

No percorrido polos Pendellos adiantaron que nesta cuarta edición a feira contará con 8 novos pendellos que foron restaurados nos últimos meses, o que permite ampliar a feira tanto en número de obradoiros artesáns e en postos de produtos alimentarios como coa incorporación doutras actividades como charlas monográficas sobre oficios e talleres participativos para público infantil e adulto. En total participarán 35 artesáns de oficios como cestería, instrumentos musicais, ourivería e xoiería, olería e cerámica, téxtil, elaboración de zocos e figuras de pan, cantería, montaxe de moscas para a pesca, marroquinería, follalatería, talla en madeira, zapatería, cerería, elaboración de redes, colareiras e tornería de madeira.

O Corazón de Artesanía, no que un ano máis tradición e vangarda irán da man, incrementa considerablemente o número de empresas de alimentación que ofrecerán exposición e venda dos seus produtos, que chegan a 46 nesta cuarta edición. Entre as novidades atópanse produtos como xeados artesanais, cafés tostados en Galicia, carnes de razas autóctonas, queixos, conservas, embutidos e un proxecto de comercialización e divulgación da pesca artesanal responsable e sostible. 

Como xa ocorrera o ano pasado, porase á disposición dos visitantes unha zona de acampada gratuíta, así como un servizo de autobuses de balde que unirán Agolada con Lalín e, como novidade desta cuarta edición, con Melide. Os autobuses sairán o sábado e o domingo da Praza da Marina de Lalín ás 12:00, ás 17:00 e ás 20:00, cara a Agolada (Avda. do Concello, 69), e volverán ás 16:45,19:30 e 00:30 horas. O venres os horarios serán ás 17:00 e as 20:00 de Lalín e ás 19:30 e ás 00:30 dende Agolada. Dende Melide, os autobuses sairán do cruce coa Estrada de Agolada ás 13:00 e ás 18:00 e volverán dende Agolada ás 18:45 e ás 23:45, agás o domingo que o último autobús será ás 21:30 horas.  O venres o servizo sairá ás 18:00 de Melide e volverá ás 23:45 horas. 

A organización da feira habitará unha carpa próxima aos Pendellos onde se ofrecerá un servizo de comida para os visitantes, que poderán facer as súas reservas chamando ao teléfono 608757564. 

Artesanía no prato

Tal e como sinalou a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, un ano máis desenvolverase a iniciativa “Artesanía no prato”, coa que se pretende achegar a artesanía ás novas propostas da cociña galega. Os cociñeiros do grupo Nove Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario (Tui), Lucía Freitas, do establecemento A Tafona (Santiago de Compostela), Javier Rodríguez Ponte “Taky”, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), e Hector López, do restaurante España, de Lugo, serán os chefs encargados de menús degustación con produtos galegos de calidade, que se presentarán en pezas da marca Artesanía de Galicia. A partir destes showcookings, as pezas de artesanía incorpóranse aos menús como unha nova maridaxe, imprimíndolle un valor engadido á propia gastronomía. 

“Artesanía no prato” é o punto de partida dun proxecto máis amplo de colaboración entre artesanía, deseño e gastronomía, no que xa se está a traballar e que se enmarca no propio Plan de Artesanía de Galicia impulsado pola Xunta, que conta entre os seus obxectivos co impulso á innovación e á colaboración entre sectores para potenciar o talento e mellorar a competitividade.

Os menús degustación realizaranse con produtos galegos de calidade, moitos dos cales se poderán atopar á venda no propio Encontro, incluída a maridaxe, para a que se proporán algúns dos viños expostos e mesmo cervexas artesanais. Os cociñeiros empregarán para as presentacións dos seus menús pezas de cerámica dos obradoiros Cerámica Regal (Vivieiro), Cerámica Suve (Cangas), Cerámica Unzueta (Brión), Nacho Porto (Carnota) e Víctor Ares (A Coruña); pratos de madeira deseñados e producidos por Atalanta (A Estrada), táboas de madeira de oliveira elaboradas polo obradoiro Armaior (Quiroga) e téxtil de Concha Canoura (Culleredo).

O primeira showcooking terá lugar o venres ás 20:00 horas, a cargo de Lucía Freitas, de A Tafona. Casa de Xantar (Santiago de Compostela). O sábado será a quenda de Héctor López, do restaurante España (Lugo), e que ofrecerá pases ás 13:30 e ás 15:00 horas; así como de Alberto G. Prelcic, do restaurante Silabario (Tui), gañador dunha estrela Michelín, que ofrecerá unha demostración ás 20:30 horas. O cociñeiro Javier Rodríguez Ponte – TAKY, xefe de cociña de Catering Boketé (A Coruña), será o encargado das demostracións do domingo, que terán lugar en dous pases ás 13:30 e ás 15:00 horas. A inscrición para estas actividades é gratuíta, e é precisa inscrición previa no teléfono 981573017, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ou no enderezo correo@adaptaconsultores.com. As prazas asignaranse por orde de recepción das reservas.

A cuarta edición do Corazón da Artesanía é un evento integral de divulgación e de posta en valor da artesanía e dos oficios artesáns, así como da súa interrelación con outras disciplinas artísticas. O amplo programa de actividades da feira inclúe tamén cursos de formación especializada para artesáns en materias como a fotografía aplicada á artesanía, a sombreirería con novos materiais ou o deseño de obxectos, inclúe talleres participativos de cerámica, cestería e centón, así como actividades específicas para achegar o público infantil á artesanía, que estarán centrados no traballo co papel, a elaboración de instrumentos musicais, a reciclaxe ou gastronomía, e que se desenvolverán ao longo dos tres días que dura a feira. Ademais, conta cunha variada programación musical que complementará o encontro e na que destacan as actuacións de Guadi Galego o venres e Odaiko e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo o sábado, ao rematar a feira; así coma o espectáculo de Os lobos do espacio, o domingo na sesión vermú, a actuación da Banda Municipal de Agolada o sábado e a do grupo de música e baile tradicional Brincadeira, que pechará a feira na tarde do domingo.

23 de xuño de 2015 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.