publicidade hoxe

A Deputación da Coruña achega 90.000 euros para servizos de carácter asistencial e laboral nos concellos de Culleredo e Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballoCulleredoLocal Portada
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de aprobar no último pleno provincial dúas axudas de carácter social para o mantemento de centros asistenciais e ocupacionais por valor de 90.000 euros. A primeira delas consiste nunha subvención de 70.000 euros destinada a financiar prazas no centro A Escada de Culleredo durante o ano 2015. Trátase dun centro de carácter formativo e prelaboral para persoas adultas cunha discapacidade media no que se fomentan as habilidades laborais, de terapia ocupacional e de axuste persoal, para orientar aos seus usuarios a un posto de traballo ordinario ou ben en empresas protexidas como Centros Especiais de Emprego.

Nas instalacións tamén se fomentan as actividades de convivencia para así favorecer á socialización destas persoas, un proceso no que, ademáis, participan as familias.

En concreto, reservaranse cinco prazas para veciños procedentes dalgún dos concellos da área metropolitana da Coruña: Oleiros, Sada, Bergondo, Betanzos, Abegondo, Carral, Cambre, Arteixo e A Coruña.

A axuda facilitarase a través dun convenio co Concello de Culleredo. A Deputación da Coruña financiará o 50,90% do orzamento total (137.527,60 euros) para afrontar os gastos de persoal, como son a pedagoga, a monitora de taller e unha administrativa; así como o mantemento do edificio e maquinaria, suministros e obradoiros fisio-deportivos e de artesanía.

Co Concello de Carballo, a Deputación colaborará con 20.000 euros no mantemento da unidade asistencial de drogodependencias.

Este centro está situado no municipio de Carballo pero presta servizo a outros concellos cercanos como son Camariñas, Fisterra, Malpica, Cee, Laracha, Muxía, Ponteceso, Coristanco, Laxe, Cabana, Vimianzo, Zas, Corcubión e Dumbría.

Con esta achega provincial está previsto costear tanto gastos de persoal, coma de productos farmacéuticos e sanitarios, material de limpieza e oficina e os suministros de teléfono, electricidade e vixiancia.

29 de xuño de 2015 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.