publicidade hoxe

A construción do edificio de usos náuticos da Illa de Arousa licitarase en 10 días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Illa de ArousaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe un convenio entre a institución provincial e o Concello da Illa de Arousa para construír, por 1,7 millóns de euros, un edificio de usos náuticos nunha parcela do Bao, na Illa de Arousa. Desta cantidade, 50.000 euros serán para a retirada de dous postes de formigón armado, dunha liña eléctrica de media tensión, que están situados no medio da praia do Bao e que afean notoriamente a paisaxe. Louzán explicou hoxe, en rolda de prensa, que a liña será soterrada.

Da cantidade final para construír o edificio a Deputación achegará 1.175.000 euros e o Concello 525.000 euros. A nova instalación deportiva localizarase nunha parcela de 4.000 m2 que o Concello puxo á disposición, próxima á praia do Bao.

O edificio atenderá ás necesidades das asociacións e colectivos vinculados ó mar. A súa construción era unha vella demanda de clubs e entidades da Illa de Arousa, particularmente do Club de Piragüismo e da Asociación de Dornas A Vela, que desenvolven a súa actividade en instalacións deficientes e obsoletas. O novo local contará, así mesmo, cun espazo onde se gardarán as embarcacións tradicionais de valor etnográfico e patrimonial de cultura marítima.

O convenio hoxe aprobado xurdiu como consecuencia da claudicación do autor do anterior proxecto, un estudio de Nigrán elixido, tras un concurso de ideas no que participaron 67 empresas, para executalo.

Louzán agradeceulles hoxe publicamente ós arquitectos do Concello da Illa e da Deputación a celeridade e eficacia para elaborar o novo proxecto. Asegurou que a obra sairá a licitación en 10 días, pois o actual alcalde da Illa de Arousa mostrou o seu interese en que sexa o actual Goberno provincial o que saque a concurso a obra.

O novo edificio de usos náuticos terá un claro elemento identificador na súa cuberta, en forma de vela, segundo o proxecto redactado polos arquitectos do Concello da Illa e da Deputación, Pastora Parada e José Enrique Pérez-Ardá, respectivamente.

19 de xuño de 2015 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.