publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A aposta de Daxiong por Ferrolterra permitirá atraer investimentos estranxeiros á zona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs PontesLocal Portada
A-
A+
Javier Aguilera na inauguración das instalacións nas Pontes

Javier Aguilera na inauguración das instalacións nas Pontes

O director do Igape, Javier Aguilera, destacou hoxe na inauguración das instalacións de Daxiong Spain nas Pontes a aposta do grupo chinés por Ferrolterra, ao tempo que amosou a súa confianza en que o investimento de 20 millóns de euros realizado pola compañía sirva para inducir actividade e emprego e para atraer outros proxectos estranxeiros cara as comarcas.

Daxiong Spain fabrica arame e cordón de aceiro para estruturas de formigón pretensado que exporta aos clientes do grupo en Europa, América e Norte de África para a súa utilización en estruturas como pontes, centrais eléctricas, vigas ou travesas de ferrocarril. A empresa conta na actualidade con 40 traballadores, e prevé ampliar o cadro de persoal ata 100 postos de traballo directos a medida que desenvolva as seguintes fases do proxecto.

Nun acto no que participaron o presidente de Daxiong, Jing Xiong, o conselleiro económico da Embaixada chinesa, Chen Yuming, e o presidente da Cámara de Comercio China, Liu Wei, entre outras autoridades, o director do Igape salientou o potencial do mercado chinés como aliado comercial. Neste sentido, Aguilera destacou que o ano pasado exportaron a China 421 empresas galegas, un 21% máis que no ano anterior.

A compañía chinesa Tianjin Daxiong Prestressed considerou Francia, Exipto e outros lugares de España como posibles localizacións para unha filial destinada a atender os seus clientes de Europa, África e América. Finalmente escolleu As Pontes para constituír Daxiong Spain, valorando a situación xeoestratéxica, a proximidade dun porto moderno con terminal de contedores, solo industrial axeitado e un competitivo marco de apoios públicos. A compañía contou con asesoramento integral da Xunta, co apoio e asistencia do Plan Ferrol, que coordina o Igape, e con apoio financeiro a través do programa Reindus do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

Con posterioridade á visita e inauguración das instalacións, representantes institucionais e empresarias da delegación chinesa e empresarios da comarca mantiveron un encontro de traballo en Ferrol, na procura de abrir novas posibilidades de investimento, alianza e negocio bilateral.

12 de xuño de 2015 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.