publicidade hoxe

A AECT Eurocidade Chaves-Verín súmase á campaña cidadá Zero Roaming

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

A AECT Eurocidade Chaves-Verín, a través das súas redes de cooperación España-Portugal RIET, e o Eixo Atlántico conxuntamente coaOrganización de Consumidores e Usuarios de España e a Asociación Portuguesa para a Defensa do Consumidor, lanzan unha campaña a nivel europeo de recollida de firmas dixitais en apoio á posición do Parlamento Europeo respecto á eliminación do roaming telefónico a partir de decembro de 2015.

A campaña, lanzada baixo o lema “Zero Roaming” – www.change.org/zeroroaming, quere mobilizar os cidadáns contra un inxustificado sobrecoste que atenta contra o Mercado Interior europeo, afecta aos dereitos dos cidadáns, e constitúe a última fronteira de Europa.

O problema do roaming afecta a un gran parte da poboación europea. Este non é un problema exclusivo de turistas, senón tamén de estudantes no estranxeiro, empresarios, traballadores desprazados e cidadáns que habitan nas poboacións das fronteiras internas da Unión Europea.

O roaming constitúe a última fronteira de Europa, cun impacto moi negativo para os cidadáns en especial sobre a economía e os traballadores da fronteira. Por iso, a Comisión Europea propuxo a súa eliminación e o Parlamento Europeo ratificouna, concretando a súa desaparición o 15 de decembro de 2015. Lamentablemente, a posición dos Estados membros, especialmente a dos Estados do sur de Europa como España e Portugal, freou a proposta do Parlamento, antepoñendo os intereses das operadoras aos dos cidadán e pretende atrasar de xeito inxustificado a eliminación do roaming ata o ano 2018.

Coincidindo coa reunión entre Parlamento, Comisión e Estados membro na que deben avanzar substancialmente as negociacións sobre esta cuestión, con vistas a alcanzar un acordo antes de verán, as organizacións promotoras lanzan esta campaña para que os cidadáns fagan oír a súa voz a favor da petición do Parlamento Europeo e que o roaming desapareza canto antes.

Para as organizacións convocantes a desaparición do roaming é un exemplo máis de como as grandes empresas impoñen os seus intereses particulares en detrimento dos dereitos dos cidadáns e en contra das decisións das institucións que os representan. Por iso piden aos cidadáns o seu apoio para esixir o cumprimento da proposta do Parlamento Europeo e a desaparición do roaming en decembro de 2015. 

3 de xuño de 2015 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.