publicidade hoxe

Xogos e música para festexar o Día das Letras Galegas en Pazos de Borbén

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Día das Letras Galegas celebrarase por todo o alto nas rúas de Pazos de Borbén. O Concello organizou dúas actividades totalmente gratuítas e dirixidas a públicos de todas as idades. O venres pola mañá, 11:00 horas, a biblioteca municipal acollerá un taller infantil dedicado ao autor homenaxeado este ano, Xosé Fernando Filgueira Valverde, e pola tarde, 20:30 horas, o salón de actos da Casa do Concello será o escenario dun concerto coral no que tres asociacións locais interpretarán grandes temas populares galegos.

O concerto ten o propósito de estimular a práctica da música sinfónica coral e xerar un espazo de encontro entre persoas que valoran o crecemento cultural e humano a través da música. O festival contará coa participación da Coral Polifónica da Asociación de Pensionistas de Pazos de Borbén, da Coral Santa María de Pazos e o grupo de Pandereteiras de Nespereira “Novas Amizades”.

Cunha duración prevista de dúas horas, cada grupo coral interpretará catro pezas musicais ata completar un repertorio cheo de obras clásicas da tradición popular galega como “No prado”,”Fisterra”,”Morriña” ou “Cantiga de Marín”, entre moitas outras.

Taller infantil

Co convencemento de que fomentar o gusto pola literatura en lingua galega debe facerse desde a infancia a través de actividades lúdicas e divertidas, a biblioteca municipal de Pazos de Borbén pretende con esta actividade achegar aos máis pequenos á orixe e o significado do Día das Letras Galegas mediante unha serie de xogos infantís cos que irán descubrindo a historia desta efeméride literaria.

Do mesmo xeito, o taller centrará parte das súas actividades na figura do historiador, escritor, político e etnógrafo pontevedrés, Xosé Fernando Filgueira, autor homenaxeado este ano. O taller está dirixido a nenos de 4 a 12 anos e colectivos con necesidades especiais.

13 de maio de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.