publicidade hoxe

Uns 50 alumnos de primaria do Colexio Manuel Padín Truiteiro visitan o Concello de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+
Visita dos escolares

Visita dos escolares

O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, recibiu esta mañá a visita de case 50 alumnos de 4º de Primaria do Colexio Manuel PadínTruiteiro na Casa do Concello.Nunha amena charla no salón de plenos do Concello, os pequenos formularon as súas preguntas ao rexedor local e recibiron de mans do mesmo un pequeno obsequio de material escolar. O tradicional encontro finalizou cun breve percorrido polas oficinas municipais onde os alumnos puideron comprobar de primeira man o funcionamento da Casa Consistorial e observar o traballo que nela se realiza a diario.

Sentados da mesma maneira que o fan os edís nos plenos, os pequenos tiveron a oportunidade de transmitir persoalmente ao alcalde as súas preguntas e desexos, como un novo patio para o colexio, unha piscina ou un novo campo de fútbol. Tras expor as súas peticións e inquietudes, os alumnos escoitaron atentamente unha pequena explicación sobre algúns dos aspectos de interese do Concello de Soutomaior como a súa historia, o seu funcionamento ou o proceso electoral a través do cal se elixe o goberno municipal. Unha exposición da que tomaron boa nota, xa que esta visita supón un complemento práctico ás clases teóricas que reciben no colexio sobre a utilidade e o funcionamento das institucións públicas.

A continuación, o alcalde, Agustín Reguera, realizou un obsequio de material escolar aos pequenos, un plumier repleto de lapis e bolígrafos, como premio á súa atención. Un agasallo útil e que á vez lles sirva de recordo desta educativa xornada. A visita finalizou cun pequeno percorrido polos despachos e dependencias municipais mentres o alcalde e diversos membros do goberno local explicaban aos alumnos o traballo que se realiza en cada unha delas.

Ao termo do encontro, o alcalde, Agustín Reguera, expresou a súa satisfacción polo desenvolvemento da visita, a que cualificou como “unha experiencia moi positiva para os estudantes, xa que ademais de complementar de maneira práctica unha parte fundamental do temario, supón, para moitos dos alumnos, o seu primeiro contacto co Concello e as administracións públicas”.

7 de maio de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.