publicidade hoxe

Un seminario percorrerá os espazos nos que tivo actividade a partida da guerrilla antifranquista liderada polo Gardarríos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRianxo
A-
A+

FRANCISCO MARTÍNEZ (QUICO), un dos últimos guerrilleiros vivos, estará presente activamente no VI SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: O EXILIO, A MULLER E A GUERRILLA. O GARDARRÍOS”, que se celebrará en Rianxo e na comarca da Mariña os días 8, 9 e 10 de maio.

Quico participou activamente nas actividades guerrilleiras, dacabalo entre Galicia e León, desde os 17 anos, e conserva na actualidade unha lucidez e axilidade física extraordinarias que lle permiten seguir sendo unha testemuña de primeira man, absolutamente fundamental para o coñecemento e a análise do papel da guerrilla na loita contra a ditadura.

Quico, que actualmente reside en Alacant e é autor, entre outras, da obra Guerrillero contra Franco, guerrillero contra el olvido, aceptou, igual que en anos anteriores, a invitación formulada pola organización para participar activamente no desenvolvemento do Seminario, tanto na súa parte teórica como –o cal non é menos significativo– no percorrido polos espazos onde a partida guerrilleira do Gardarríos foi especialmente activa nos concellos de Rianxo, Ourol, O Vicedo, Viveiro, Lourenzá e Mondoñedo.

Luís Trigo Chao, nacido en Cabanas – Ourol, emigrou moi novo a Cuba, onde traballou na hostalería e nunha fábrica de mobles. Despois marchou á Arxentina, regresando a Mondoñedo en 1921 como gardarríos. Foi presidente da Agrupación Socialista de Mondoñedo. Ao producirse a sublevación do 18 de xullo fuxiu ao monte, permanecendo agochado nas casas dos amigos. A súa actividade guerrilleira comezou en 1939, desenvolvéndose no norte da provincia de Lugo e mantendo contacto cos membros do Grupo Neira. Actuou case sempre en solitario e nalgunhas accións acompañado de Roberto Alonso Díaz . Morreu a mans dunha contrapartida en Vilanova de Lourenzá o 25 de xuño de 1948.

O Seminario conta con certificación oficial por parte da Consellería de Educación, e está organizada polos Departamentos de Ciencias Sociais do IES “Félix Muriel” de Rianxo e do IES Melide, e polo Movemento de Renovación Pedagóxica Nova Escola Galega, coa colaboración do Instituto Galego de Historia. No Seminario intervirán os especialistas na resistencia antifranquista Odette Martínez Maler, Bernardo Maiz Vázquez, Carlos Nuevo Cal, Manuel Pazos Gómez e Manuel González Piñeiro. Se as circunstancias o permiten, agárdase contar tamén coa presenza de Xosé Neira Vilas, que impartirá, xunto a Quico, unha conferencia sobre o papel do exilio na loita antifranquista.

O Seminario contará, tamén, coa presenza activa de Fernanda Cedrón, neta do Gardarríos, e de Víctor García, fillo do Brasileño.

4 de maio de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.