publicidade hoxe

Un grupo de veciños de Miño desprázaronse a Sogama para coñecer o tratamento final do lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
Veciños de Miño na visita a Sogama

Veciños de Miño na visita a Sogama

Alumnos e alumnas da actividade municipal de Memoria viaxaron na xornada de onte ata o municipio de Cerceda para coñecer de preto a actividade do complexo industrial de Sogama e ampliar os seus coñecementos no ámbito da xestión dos residuos urbanos.

Con esta actividade, enmarcada na terceira edición da campaña autonómica “Separemos ben, reciclaremos mellor”, o concello pretende complementar a formación dos integrantes do grupo, propiciando que tomaran conciencia da problemática que a día de hoxe representa o lixo, forma de facerlle fronte, tanto a nivel individual como colectivo, e proceso industrial que a empresa pública dependente da Xunta de Galicia leva a cabo para tratar aquela fracción de refugallos que, dadas as súas características, non pode ser reciclada.

Atendido por un grupo de educadores especializados, os visitantes recibiron as primeiras explicacións na aula de Sogama, que estiveron reforzadas en todo momento por diverso material didáctico e divulgativo.

Trala distribución dos correspondentes equipos de protección individual, os visitantes iniciaron o percorrido guiado pola planta de clasificación, onde se recepcionan  os envases de plástico, as latas e os briks depositados nos contedores amarelos de recollida selectiva. Nesta nave, os materiais sepáranse por tipoloxías (plástico duro, fino, mixto, pet, aceiro, aluminio e briks) e prénsanse e embálanse para ser remitidos aos centros recicladores, onde se transforman en novos produtos de utilidade.

A continuación, os veciños adentráronse no circuíto de tratamento que segue o residuo convencional. Desta forma, trasladáronse á planta de elaboración de combustible, onde se separa a fracción susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio e vidro) e acondiciónase co resto un combustible CDR que se transporta a unha planta termoeléctrica para ser valorizado enerxeticamente e convertido en electricidade.

A entidade dispón para isto de tecnoloxía de última xeración coa que se garante unha operativa absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde das persoas.

OS TRES ERRES: UNHA PRIORIDADE

Púxose de relevo a necesidade de que antes de que o refugallo sexa valorizado, a cidadanía faga todo o posible por reducir a súa produción, por promover a reutilización e por fomentar o reciclado, facéndose necesario separar os desperdicios por tipoloxías e depositalos nos contedores correspondentes. Isto non só traerá consigo evidentes beneficios ambientais, senón tamén económicos para as arcas locais, pois cantos máis materiais envíen os concellos á industria recicladora, máis ingresos recibirán.

A acadar este obxectivo tamén axuda o programa de compostaxe doméstica promovido por Sogama  e ao que se adscribiron máis dun cento de concellos, entre os que se atopa Miño, que participa con máis de 50 vivendas que xa se atopan fabricando o seu propio compost a partir da materia orgánica xerada.

“Separemos ben, reciclaremos mellor” é unha campaña con cobertura autonómica, que promove a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Sogama, e que conta coa colaboración de Ecoembes, Ecovidrio e os sistemas integrados de xestión de pilas (Ecopilas, Ecolec e ERP) a fin de fomentar a participación cidadá na xestión sostible dos residuos urbanos.

13 de maio de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.