publicidade hoxe

Turismo apoia a iniciativa de Mañón para convertir unha antiga escola nun albergue turístico incluído na ruta polo río Sor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMañón
A-
A+
Nava Castro na visita a Mañón

Nava Castro na visita a Mañón

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, mantiveron esta mañá unha xuntanza co alcalde de Mañón, Alfonso Balseiro, para avanzar no proxecto para converter o edificio da antiga Escola de Indianos da Unión Mañonesa nun albergue turístico, que completaría os servizos incluídos nas rutas de sendeirismo polo río Sor.

O inmoble, que data da primeira década do 1900, foi recentemente rehabilitado a través dos fondos propios do Concello e das axudas do Fondo de Compensación Ambiental, que concede a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a través do canon eólico, e conta xa co mobiliario preciso para dar servizo de aloxamento aos visitantes da zona.

Nestes momentos, os técnicos da Xunta veñen de iniciar a tramitación da declaración do inmoble como albergue turístico, tendo en conta os parámetros de calidade establecidos no regulamento desenvolvido pola administración autonómica para este tipo de establecementos, así como as necesidades dos visitantes desta área.

Segundo destacaron Castro e Do Campo, esta iniciativa contribuirá a incrementar o atractivo do concello de Mañón como destino turístico, que ademais dos distintos roteiros polas inmediacións do río Sor contra con outros enclaves tan relevantes como Estaca de Bares ou o porto do Barqueiro, as praias de Bares e Esteiro –que veñen de revalidar a Bandeira Azul- e con iniciativas como a Ruta dos Faros, desenvolvida a través da colaboración da Xunta e Renfe.

20 de maio de 2015 | 16:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.