Tres persoas feridas no incendio dunha vivenda en Amoeiro
Tres persoas resultaron feridas na tarde deste luns por mor dun incendio declarado na súa vivenda, situada no concello ourensán de Amoeiro e que quedou totalmente destruída polas chamas.Segundo os datos da Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia, o lume iniciouse sobre as 15.00 horas deste luns nunha vivenda do lugar de Casáresvos, en Amoeiro.
Ata o lugar do suceso desprazáronse efectivos de Protección Civil de Amoeiro e do Carballiño, así como do Distrito Forestal da zona e da Garda Civil. A intervención dos servizos de extinción logrou que o lume non se propagase a dúas vivendas contiguas, que “correron perigo” pola intensidade das chamas.
Pola súa banda, unha dotación sanitaria de Urxencias Médicas 061-Galicia trasladou ao Hospital Cristal de Ourense aos tres ocupantes da vivenda, que resultaron feridos.