publicidade hoxe

Salvemos Cabana solidarízase co presidente da ASC ‘O Iribio’ e a veciñanza de Triacastela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

A Plataforma considera lamentable a xudicialización da protesta por parte da empresa Cementos Cosmos (filial do grupo brasileiro Votorantim) e o proceso aberto contra Marcos Celeiro por “atentar” contra a súa “honra” logo de expresar con libertade as súas opinións en redes sociais, reflectido na comparecencia no xulgados de Vigo a día de hoxe, 7 de maio.

Cómpre recordar que o grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), recollendo a inquietude de numerosos colectivos sociais entre os que se encontra a ASC ‘O Iribio’, tamén denunciou reiteradamente as actividades mineiras de Cosmos instando incluso á Xunta de Galicia á revisión de oficio da licenza municipal concedida ao considerar “que vulnera a legalidade vixente e non garante a protección dos valores paisaxísticos, patrimoniais e ambientais da zona”, ao afectar directamente tanto ao Camiño de Santiago como á Cova de Eirós, un xacemento arqueolóxico de primeiro nivel que conserva as únicas evidencias ata o de agora de arte rupestre paleolítico no noroeste peninsular.

Doutra banda, criminalizando a protesta, a cementeira mantense á marxe dos compromisos autoadquiridos pola súa matriz Votorantim no seu programa de responsabilidade social corporativa, na que se compromete sin ambaxes a “manter canles de diálogo permanente con todas as comunidades nas que está presente” porque “a construcción e fortalecimento da imaxe e reputación do Grupo” tamén se da a través do “diálogo e comportamento” coa veciñanza.

Fronte á irracionalidade, a solidariedade, tanto co Presidente da ASC ‘O Iribio’ coma co resto dos veciños e veciñas afectados polo conflito. O artigo 19 da Declaración dos Dereitos Humanos recolle que “todo individuo ten dereito á libertade de opinión e de expresión” como unha actitude básica.

Internet emprégase a día de hoxe como medio de activismo e contestación social. Por moito que aumente a represión, veña de onde veña, o certo é que a nivel internacional cada vez máis persoas teñen menos medo a expresarse con libertade. Pese a que miles de activistas e manifestantes seguen sendo perseguidos e ameazados polo mero feito de disentir, son moitos máis os que plantan cara a cotío na procura dun mundo mellor e máis xusto.

7 de maio de 2015 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.