publicidade hoxe

Pazos de Borbén presenta dous novos programas de animación sociocultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

O Concello de Pazos de Borbén organizou dous programas de animación sociocultural para os seus veciños. Trátase dos programas “Pensa en ti 2015” e “Ti tamén Contas 2015”. Ambos se desenvolven  nas próximas semanas en colaboración con diferentes asociacións de veciños e teñen como obxectivo o fomentar e potenciar os movementos de participación e cooperación social entre a veciñanza mediante diferentes cursos de interese xeral. En total propuxéronse trece ciclos de temática diversa e dirixidos a públicos de todo tipo.

A oferta de cursos dispoñibles dentro do programa “Pensa en ti 2015” componse de seis cursos con seis sedes diferentes cada un. A Asociación de veciños de O Cabalo acollerá un curso de Bailes de salón, a Asociación Virxe da Encarnación da Ermida un ciclo de ioga, na Asociación de veciños de O Cruceiro de Paz de Xunqueiras impartirase o taller de poda e técnicas do campo, a Asociación A Carmen de Nespereira acollerá un ciclo de cociña tradicional galega, a Asociación San Pelayo un ciclo de pintura en tea e a Asociación de veciños Santa María de Pazos un curso de arte floral e flores secas.

O programa “Ti tamén Contas 2015” componse de sete cursos diferentes. A Asociación de veciños de O Cabalo acollerá un curso de elaboración de licores, a Asociación Virxe da Encarnación da Ermida lingua de signos, na Asociación de veciños de O Cruceiro de Paz de Xunqueiras impartirase o taller de ximnasia de mantemento, a Asociación A Carmen de Nespereira acollerá un ciclo de traballos manuais en tea, coiro e madeira, a Asociación San Pelayo un ciclo tapicería, a Asociación de veciños Santa María de Pazos un curso de tapas, petiscos e canapés e, por último, a asociación de Pensionistas de Amoedo acollerá o curso de técnicas de memorización e conservación da memoria.

Cada actividade ten un custo de seis euros por persoa e curso e unha duración de 30 horas. Os socios de cada asociación poderán formalizar a matrícula para calquera destas actividades na propia sede veciñal e terán prioridade á hora de realizar cada curso. O resto de interesados deberán formalizar a matrícula nas oficinas da Casa do Concello e serán admitidos sempre que queden prazas libres.

Con esta iniciativa o Concello de Pazos de Borbén pretende facilitar o acceso a diferentes actividades que permitan o desenrolo individual e grupal das asociacións culturais e veciñais do municipio ademais de promover novos campos de interese e traballo creativo, ademais de impulsar, fomentar e mellorar a situación persoal das participantes.

29 de maio de 2015 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.