publicidade hoxe

Os concellos bañados polo Ulla consolidan o programa ‘Goza do Ulla’ para promocionar o patrimonio natural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

Os 16 concellos bañados polo río Ulla presentan un ano máis o programa ‘Goza do Ulla’, unha iniciativa turística que xa vai pola súa quinta edición e que pretende dar a coñecer e promocionar o rico e valioso patrimonio natural dos territorios á beira do Ulla. A presentación oficial tivo lugar onte no Concello de Monterroso, onde comenzará o programa de roteiros o domingo 31 de maio e rematará em Vila de Cruces o último fin de semana de outubro. Haberá unha ruta ou incluso dous cada fin de semana en cada un dos 19 concellos da iniciativa: Palas de Rei, Monterroso, Antas de Ulla, Agolada, Santiso, Arzúa, Vila de Cruces, Touro, Silleda, Boqueixón, Vedra, A Estrada, Teo, Padrón, Pontecesures, Valga, Dodro, Catoira e Rianxo.

Ignacio Codesido, alcalde de Touro, un dos concellos impulsores deste proxecto, destaca que “desde Antas do Ulla, no seu nacemento, ata Rianxo coa súa chegada ao mar, pasando polos diferentes concellos, o Ulla amosa unha grandísima variedade de patrimonio natural, cultural e artística”. Os 19 concellos implicados nesta iniciativa de promoción do seu territorio teñen a intención a medio prazo de diseñar e poñer en marcha unha ruta de gran percorrido que poderia denominarse Gran Roteiro Fluvial do Ulla para poñer en valor toda a riqueza cultural, ecolóxica e etnográfica deste río, o segundo en relevancia de Galicia e que percorre tres províncias (Lugo, A Coruña e Pontevedra). Na presentación oficial que tivo lugar onte en Monterroso tamén foi presentado o libro de Henrique Neira ‘Lendario río Ulla. Viaxe desde a Ulloa ata á ría de Arousa’, e que fai referencia ao percorrido de ‘Goza do Ulla’.

O domingo 31 de maio comeza a primeira ruta no Concello Monterroso. As seguintes rutas serán: Antas do Ulla (17 de xuño); Boqueixón (20 de xuño); Agolada (18 de xullo); Arzúa (1 de agosto); Vedra (2 de agosto), Rianxo (29 de agosto); Touro (5 de setembro); Pontecesures (6 de setembro); Silleda (12 de setembro); Catoira (13 de setembro); A Estrada (20 de setembro); Palas de Rei (26 de setembro); Teo (27 de setembro); Padrón (3 de outubro); Santiso (10 de outubro); Dodro (17 de outubro); Valga (24 de outubro) e Vila de Cruces (25 de outubro).

A iniciativa xurdiu fai xa cinco anos e o ano pasado desenvolveuse con grande éxito. Con traballo dos 19 concellos e sen apenas custo promóvese un proxecto que pon en valor o noso territorio, vinculando municipios, bisbarras e provincias por riba dos intereses localistas ou partidistas.

8 de maio de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.