publicidade hoxe

Os atletas Carlos Adán e Esther Pedrosa serán os padriños da Carreira 10K Carballo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da Carreira 10K Carballo

Presentación da Carreira 10K Carballo

O Concello xa está quecendo motores para a celebración da Carreira 10K Carballo, una cita que, en verbas do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, xa é un referente porque “ten cada vez máis participación”, medrando ano a ano e contando “cada vez con máis prestixio”. Desta volta chega á súa quinta edición e o celebra con padriños de excepción, os atletas Carlos Adán -olímpico en Barcelona 92 e récord galego de 5.000 metros, entre outros logros- e Esther Pedrosa -campioa de España de gran fondo e posuidora de 19 campionatos galegos- que xa teñen confirmado a súa participación na carreira, que terá lugar o domingo 21 de xuño. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron agradecer o seu compromiso cunha cita que este ano conta con algunhas novidades. A primeira e máis importante a variación do circuíto para que sexa máis rápido e que está en proceso de ser homologado pola Federación; e tamén por primeira vez ábrese a carreira ás categorías pitufo e biberón, polo que os participantes máis pequenos serán os nacidos no ano 2012. Os interesados e interesadas en participar xa poden anotarse a través do web <www.championchipnorte.com> até o 15 de xuño. Tamén pode obterse máis información sobre a proba e asesoramento para a inscrición presencial nas oficinas Carballo Deporte situadas na Rúa Corcubión s/n e no teléfono 981 702 109.

Durante a presentación da carreira, Esther Pedrosa, ademais de confirmar a súa asistencia, quixo agradecer a iniciativa do Concello para celebrar esta cita que cualifica como unha “proba interesante”. Agradeceu a proposta para cambiar o circuíto que considera que era “algo durillo” e desexou que o ambiente sexa tan bo coma o que viviu en abril na carreira por parellas De Dous en Dous. Carlos Adán, pola súa banda, agradeceu “que se acordaran de min para apadriñar esta carreira”, o que quere dicir “que algo fixen ben durante a miña vida atlética”. Non só confirmou que tomará a saída o 21 de xuño, senón tamén que virá “con outros tres atletas” para gozar o máis posible coa carreira. O presidente da Federación Galega tamén quixo expresar a súa satisfacción por “atopar un concello comprometido coa práctica atlética”, nunha cita que, ademais, está apadriñada e amadriñada “por dúas persoas que son historia do noso deporte”. O acto de presentación da cita rematou coa entrega por parte do Alcalde de Carballo -que espera “que a proba sexa un éxito más” e que os asistentes gocen co seu ambiente festivo e de participación co deporte- de dous agasallos precisamente para Esther Pedrosa e Carlos Adán, dúas pezas de cerámica de Buño que recibiron agradecidos.

Despois dun día, xa hai máis de 60 atletas anotados

Respecto das características da carreira, na que tan só un día despois de que se abrise a inscrición xa hai máis de 60 atletas anotados, está incluída no III Circuíto de Carreiras Populares da Deputación da Coruña que conta con 25 probas, e trátase dunha competición oficial da Federación Galega de Atletismo (FGA) cunha distanza homologada de 10.000 metros baixo o control técnico do Comité de Xuíces da FGA. As inscricións admítense ate o día 15 de xuño, mais, excepcionalmente, se non se chegase ó número máximo de 750 atletas na suma de categoría júnior, promesa, sénior e veteranos, poderase decidir a admisión de inscricións ate o mércores 17 de xuño ás 12.00 horas. A competición comeza ás 10.00 horas e prolongarase ata arredor das 13.00 horas, cando se celebran as carreiras para a categoría biberón. Os dorsais e os chips recolleranse na zona habilitada a tal efecto na Praza do Concello o día da carreira entre as 8.45 e as 10.45 horas ou no seu defecto 30 minutos antes da saída de cada categoría, coa presentación do DNI ou documento similar acreditativo. Os interesados e interesadas poden descargar o regulamento ao completo da proba en pdf, no que se recollen todos os detalles da cita, nesta mesma nova.

6 de maio de 2015 | 15:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.