publicidade hoxe

O Trofeo ciclista Concello de Carballo reunirá a 200 deportistas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportesDeportes Portada
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

O sábado 23 de maio celébrase o Trofeo Ciclista Concello de Carballo, unha proba que leva xa máis de 20 anos de andaina e que é unha das poucas probas en estrada de Galicia que inclúe ás mulleres, mantendo, ademais, as mesmas contías nos premios en categoría masculina e feminina. Ademais das femias, a carreira, organizada polo Club Ciclista Carballo-Placasa coa colaboración do Concello, inclúe as modalidades de promesas, infantís, alevíns, cadetes e júnior, con máis de 200 participantes de toda Galicia, e mesmo de Castela e León. Este ano, a cita conta, ademais, co apoio da Federación Galega de Ciclismo, que a inclúe na Copa Galicia co obxectivo de potenciar as probas de ciclismo en estrada. Polo demais, o trofeo conta co mesmo percorrido que en anos anteriores, con saída, meta e zona de quecemento na Gran Vía á altura do Mercado Municipal e co inicio da proba coa categoría de femias a partir das 15.00 horas. O remate das carreiras e a entrega de trofeos está prevista para as 20.00 horas, aproximadamente. Precisamente este ano, os trofeos foron elaborados por Aspaber (Asociación de nais e pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños) e a presidenta do Club Ciclista Carballo, Vanesa Loureiro, explicou que a entidade está “moi contenta co resultado”, ademais de que así cumpren co obxectivo de “colaborar o máis posible coas entidades da zona”. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo felicitar ao club por “seguir promovendo un deporte tan duro como o ciclismo”; e o Alcalde, Evencio Ferrero, transmitiulle os seus parabéns “polos bos resultados deste ano” nas probas nas que participaron.

No que respecta ás características da proba máis polo miúdo, as femias saen ás 15.00 horas cun percorrido de dúas voltas e 32,9 quilómetros (máis 2,3 km neutralizados) por Carballo, Coristanco, Rus e de volta a Carballo. Ás 16.30 os cadetes realizan o mesmo circuíto que as femias, mentres que os júnior saen ás 18.00 horas. O seu percorrido varía xa que, saíndo desde Carballo, pasarán por Coristanco e Agualada, volvendo a Coristanco e pasando despois por Rus para volver á capital municipal cun circuíto de 73,9 quilómetros (máis 2,3 km neutralizados). Juan Seoane, director deportivo do Club Ciclista Carballo, destaca que, aínda que para os júnior, a proba non conta con moita quilometraxe, o percorrido é “bastante duro” o que fará que a “proba sexa bastante disputada dende o inicio”. No que respecta ás escolas, os alevíns e infantís realizarán ás 18.00 e 18.30 horas, respectivamente, un circuíto de 1,6 quilómetros polas rúas da capital municipal. Será de 4,8 quilómetros para os alevíns, con 3 voltas; e de 14,4 quilómetros para os infantís, con nove voltas.

Proba de habilidade para os máis cativos e cativas

Por último, unha das citas que congrega a máis público é a de promesas, xa que os máis cativos e cativas realizan unha proba de habilidade cun pequeno circuíto de obstáculos na Praza do Concello. Neste caso, a cita é a partir das 19.00 horas. Juan Seoane anima ás familias a que leven aos rapaces e rapazas a realizar o percorrido durante toda a tarde, aínda que non estean inscritos, para que gocen con esta gymkana. A proba repartirá un total de 43 trofeos, con premio para os tres primeiros en todas as categorías. Ademais, hai un premio de Meta Voante para os júnior patrocinado por Panadería Añón na recta de Rus e tamén un premio de montaña por puntos. O Alcalde pechou a presentación da cita desexando que o sábado 23 “Carballo sexa unha festa do ciclismo”, subliñou a colaboración de Aspaber na elaboración dos trofeos e espera que esta proba “siga tendo continuidade no futuro”. 

21 de maio de 2015 | 18:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.