publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O sorteo do xurado popular para a celebración do xuízo polo crime de Asunta será o luns

Europa Press

O sorteo do xurado popular da causa sobre a morte da nena Asunta Basterra Porto foi sinalado para o luns 11 de maio ás 10,00 horas nos xulgados composteláns. Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o sorteo celebrarase na sala de vodas dos xulgados de Santiago de Compostela.

Trátase dun acto que se celebra en audiencia pública, como dispón o artigo 18 da Lei do Xurado, dirixido polo secretario xudicial.

O pasado 9 de marzo a Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou os recursos de apelación interpostos por Rosario Porto e Alfonso Basterra contra a resolución da Audiencia Provincial resolvendo as cuestións previas.

Posteriormente, o 27 de marzo a Audiencia Provincial da Coruña rexeitou a recusación presentada pola defensa de Rosario Porto contra o maxistrado Jorge Cid, que presidirá o Tribunal do Xurado que xulgará a morte da nena Asunta Basterra, polo que o xuízo está pendente de señalamento.

FEITOS

Asunta Basterra, de 12 anos, cuxo corpo foi achado nunha pista forestal do municipio coruñés de Teo, faleceu na tarde do 21 de setembro de 2013. As probas practicadas determinaron que a morte se produciu por asfixia e que, anteriormente e durante meses, a nena inxerira un ansiolítico, Orfidal, que anulou a súa vontade antes de ser asasinada.

Para os pais de Asunta a acusación popular pide 20 anos de cárcere por un delito de asasinato, unha pena que a Fiscalía rebaixa a 18 anos de prisión. Mentres, as defensas, que manteñen que existe un plan para implicar aos pais, solicitan a libre absolución.

6 de maio de 2015 | 15:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.