publicidade hoxe

O Ribeiro afinanza os seus mercados internacionais tras o seu gran éxito en Fenavin

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorRibadavia
A-
A+
Viños do Ribeiro en Fenavin

Viños do Ribeiro en Fenavin

A D.O. Ribeiro e 16 das súas adegas participaron no evento vitivinícola de maior envergadura a nivel nacional e internacional, a Feira Nacional do Viño, FENAVIN, que se celebrou do 12 ao 14 deste mes no recinto feiral de Cidade Real alcanzando grandes éxitos tanto en número de contactos profesionais establecidos como acordos pechados durante os tres días que tivo lugar a feira.

As adegas e colleiteiros participantes baixo unha caseta paraugas de Galicia nesta oitava edición da feira, Ramón do Casar, Terra do Castelo, Manuel Formigo, Viña Costeira, Eduardo Peña, Bodega Alanís, Señorío de Beade, Val de Souto, Antonio Montero, Coto de Gomariz, Viña Mein, Casal de Armán, Finca Viñoa, Bodegas Cunqueiro, Adegas Valdavia e Grupo Reboreda, móstranse moi satisfeitos cos contactos e acordos realizados con empresas xa clientes e novas compañías, tanto nacionais como internacionais, que terán que seguir traballando para chegar a negocios finais naqueles que non pecharon durante a celebración do evento.

O éxito comercial logrado neste evento nace, en parte, da gran actividade en materia de desenvolvemento de negocio internacional e profesionalidade na xestión por parte de gran número de adegas na D.O. Ribeiro, que aproveitaron para mostrar os seus viños da nova colleita, así como de antigas para demostrar a boa evolución dos viños elaborados con coupage de variedades autóctonas, moi valorados polos importadores, chegados de diferentes países como Alemaña, Irlanda, Suíza, Polonia, Estados Unidos, Xapón, Bélxica, Reino Unido, México, entre outros. Así mesmo, os compradores internacionais tamén valoraron moi positivamente os premios logrados polos viños en concursos internacionais, como Concours Mondial de Bruxelles ou Decanter World Wine Awards.

Por último, destacar a presenza de numerosos medios de comunicación, prensa, bloggers, moi interesados en coñecer as características dos viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia, para comprender de primeira man os viños branco, tinto e tostado, que nacen da sabia combinación de variedades autóctonas así como o bo saber facer das adegas e colleiteiros.

FENAVIN 2015

Nada no ano 2001, de carácter bienal e organizada pola Deputación de Cidade Real, a Feira Nacional do Viño sitúase como un dos eventos de referencia no territorio nacional, alcanzando neste ano unha participación de 15.500 compradores nacionais, un 58,51% máis que a pasada edición, así como 3.609 compradores internacionais, que tamén, como as nosas adegas, traballaron sen descanso este tres días.

14 de maio de 2015 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.