publicidade hoxe

O PP de Salceda acusa ao bipartito de facer propaganda co asfaltado de estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalceda de Caselas
A-
A+

O Partido Popular de Salceda de Caselas reafírmase no dito fai uns meses cando cuestionou a existencia do plan de inversión anunciado polo goberno bipartito, dado que parte do importe indicado de case 230.000 euros correspóndense con obras xa executadas e, sobre todo e máis grave, a redución de partidas de gasto corrente para poder levar adiante este plan “que non é máis que unha ferramenta de propaganda para facer campaña de cara aos vindeiros comicios do mes de maio”, asegura o presidente, concelleiro e candidato do PP á Alcaldía, Santiago Rodríguez Davila.

Os populares e calquera veciño pode comprobar como estes días “están apurando, realizando pequenos asfaltados en diversas estradas e viarios nas parroquias. Nos últimos catro anos estiveron inoperativos e agora a unhas semanas das eleccións municipais dedícanse a facer que fan gastando cartos que non teñen, poñendo en práctica o caciquismo, algo que o señor alcalde tanto criticaba cando estaba na oposición e agora, precisamente, é ao que se dedica”, subliña Rodríguez Davila.

Toda esta farsa, lembran dende o PP, súmase á negativa de presentar un orzamento de 2015 e levalo a pleno para a súa aprobación, traballando actualmente co prorrogado de 2014 e creando incluso novas partidas de gastos para as cales non hai previsión de ingresos coas que facer fronte, “levando gastado, no que vai de ano, máis dun millón de euros, o que fai que estean a provocar unha situación insostible economicamente, xerando unha débeda de máis de 4 millóns de euros, á cal terá que asumir o novo equipo de goberno que entre tralas eleccións do 24 de maio, o cal se atopará as arcas valeiras véndose obrigado a facer grandes modificacións de crédito”.

En definitiva, “venden obras que xa están executadas e fan outras a conta de reducir gastos de servizos básicos e ineludibles do municipio, e todo xusto agora, a uns meses da cita coas urnas, mentres que o resto da lexislatura estiveron de brazos cruzados inflando os orzamentos, creándose déficits nos ingresos e, consecuentemente, non podendo afrontar os diferentes gastos arrastrándoos ata o día de hoxe”.

7 de maio de 2015 | 12:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.