publicidade hoxe

O CRIIGG das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia impartiu unha charla no IES Fraga do Eume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+
Asistentes á charla

Asistentes á charla

O Consello Regulador das Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia continuou esta semana o seu programa de charlas cunha sesión informativa non IES Fraga do Eume (Pontedeume), que dirixiu a secretaria deste ente, Carmen Otero. Foron unha vintena de alumnos do Ciclo Superior de Dirección de Servizos os participantes nesta xornada de introdución aos produtos amparados polo CRIIGG que se desenvolveu entre as 12.00 e as 14.00 horas.

En primeiro lugar, ofrecéuselles unha breve información sobre o Consello Regulador e as súas principais funcións, entre as que se atopa o control de calidade dos produtos e a súa debida etiquetaxe. A sesión informativa completouse cunha cata de distintos produtos amparados por este ente, como a augardente de bagazo e de herbas, ou os licores de herbas e de café.

Carmen Otero encargouse de axudar aos alumnos deste ciclo de FP de Pontedeume a diferenciar as principais características de cada produto, á vez que lles falou sobre a importancia de consumir produtos con etiqueta, xa que só a través desta garántese a súa elaboración acorde coa lexislación vixente. Ademais, a secretaria do Consello Regulador tamén aclarou que a temperatura ideal para tomar este tipo de bebidas espirituosas é de “frescos, pero non moi fríos”. 

O CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia continuará nos próximos días con outras sesións informativas para alumnos de distintos ciclos formativos relacionados coa restauración. A próxima xornada terá lugar na cidade de Pontevedra.

21 de maio de 2015 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.