publicidade hoxe

O concerto literario da Banda Municipal de Música de Brión abre a programación do Día das Letras Galegas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión inicia mañá sábado 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, a súa programación especial co gallo da celebración da XXV Feira do Libro de Brión, que inclúe unha ducia de actividades tanto para o público en xerar como para todos os escolares do municipio, en particular. A primeira delas será o tradicional Concerto Literario da Banda Municipal de Música de Brión, que terá lugar mañá sábado ás 20.00 horas no centro social polivalente. A entrada é libre e de balde.

Posteriormente, ás 21:00 horas, a Carballeira de Santa Minia acollerá unha lectura de textos teatrais de Roberto Vidal Bolaño. Unha actividades que conmemorará que o 16 de maio de 1978 a compañía Teatro Antroido representou a obra “Laudamuco, señor de ningures”, de Roberto Vidal Bolaño. Unha función que é considerada, xunto coa “d’O velorio” de Francisco Taxes, unha das impulsoras dun teatro nacional galego que tentaba ser profesional.

Andaina Terras de Altamira

Paralelamente, e dende as nove da mañá, os afeccionados ao deporte terán unha cita coa II Andaina Terras de Altamira-Brión, que este ano repite tres itinerarios combinados que suman un total de 50 quilómetros de marcha pedestre a través das fermosas sendas brionesas. A Carballeira de Santa Minia será lugar de de saída e punto de paso para os tres aneis que compoñen a proba, e para os que están anotados máis de 300 persoas.

Resto do programa

A partir do luns 18 de maio, o Concello de Brión comezará a desenvolver o programa de actividades da XXV Feira do Libro de Brión, especialmente centrada no público escolar. Aínda así, haberá varias actividades abertas a todos os veciños e veciñas como a exposición “Espazo de acuarela”, de Marcelino de Santiago “Kukas”, que pode visitarse na sala de exposicións municipal ata o 12 de xuño.

O venres 22, ás 17:30 horas, Inacio Vilariño presentará “A Nao Catrineta” na biblioteca pública municipal. Trátase dun contacontos para nenos e nenas de máis de 3 anos. A entrada é libre e de balde. E o sábado 23 de maio, ás 21:00 horas, o teleclube de Ons acollerá a actuación teatral de O Aturuxo de Melpómene, que representará “Desencaixad@s”. Entrada de balda ata completar aforo.

As actividades dirixidas aos escolares de Brión terán lugar en horario de mañá. Así, o luns 18 de maio Aldaolado presentaralles “Con dez poemas por barba” ao alumnado do IES de Brión (ás 11:20 horas) no centro social polivalente. Dous días máis tarde, o mércores 20 de maio, os alumnos e alumnas do IES Brión recibirán a visita de Álvaro Muras, que presentará o espectáculo “MaxicoSons, una aventura entre libros” na Aula de usos múltiples do IES de Brión (ás 11:20 horas). O venres 22 de maio, o grupo Os Quinquilláns presentarán “Por que é salgada a auga do mar?”, dirixida a alumnos/as de 3º Ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos. Comezará ás 12:00 horas no Centro Social Polivalente.

Para a última semana do mes, o Concello de Brión ten programado “Contos para un caldiño”, unha divertida obra de Baobab Teatro para alumnos/as de 1º Ciclo de Educación Primaria do CEIP de Pedrouzos. Será o luns 25 de maio, ás 12:00 horas, no Centro Social Polivalente. Un día despois, o mesmo escenario acollerá aos alumnos e alumnas das escolas unitarias da Luaña, Os Ánxeles e Bastavales, así como de educación infantil do CEIP de Pedrouzos, para dúas representacións de “Lobo Bobo”, a cargo de Elefante Elegante.

O mércores 27 de maio, Yolanda Castaño presentará o “Espectáculo poético, recital multimedia”, dirixido a alumnos/as do IES de Brión; e o venres 29 de maio, a XXV Feira do Libro de Brión pechará as súas portas da man de Charo Pita e “Triquitraque-Traquetriqui”, unha actividade de dinamización para os nenos/as da gardería dos Ánxeles.

A XXV Feira do Libro de Brión está organizada pola Casa da Cultura e a Biblioteca municipal do Concello de Brión, coa colaboración dos centros educativos do municipio e o apoio do programa “Ler conta moito” da Rede de Bibliotecas de Galicia.

 

15 de maio de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.